Luís Seoane, mar por medio

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Luís Seoane, mar por medio

Mensagempor cachafeiro » segunda, 05 abr 2010, 13:50

Luís Seoane, mar por medio
MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ
Seoane é unha das figuras máis relevantes da nosa historia pois manifestou un compromiso total con Galiza.
Este ano celebramos o centenario do nacemento de Luís Seoane o que se converte nunha boa ocasión de achegármonos á súa obra e á súa vida. Seoane é unha das figuras máis relevantes da nosa historia pois manifestou un compromiso total con Galiza.
Luís Seoane naceu en Bos Aires e morreu o 5 de abril de 1979, hai 31 anos, na Coruña. Ese día morría a persoa que máis contribuíu á divulgación da nosa cultura despois de 1936. É o continuador de Ánxel Casal pois no exilio, en Bos Aires, será o artífice de centos de publicacións, a maioría relacionadas con Galiza.
Antes de 1936 colabora en Yunque, Resol, Nós, Claridad ou Ser. Nesta época realiza as primeiras exposicións, participa no Partido Galeguista, acode á imprenta Nós de Ánxel Casal, ilustra libros e deseña un cartel para a campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía.
En 1936 exíliase en Bos Aires onde leva a cabo un traballo incansábel na divulgación da nosa historia, cultura e realidade. En 1937 publica o seu primeiro libro Trece estampas de la traición e en 1938 é un dos autores do libro Galiza baixo a bota de Franco que se publica en español e francés con información sobre os primeiros meses do levantamento militar e as súas consecuencias en Galiza.
Xunto con outros exiliados como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Blanco Amor e Castelao desenvolve unha actividade cultural na que acada unha gran importancia a edición de libros. A través das editoriais Emecé, Nova, Botella al Mar, Nós, Ánxel Casal, Alborada, As Burgas, Citania, Cuco Rei ou Edicións Galicia Luís Seoane continuará o labor de concienciación tan importante para o nacionalismo galego.
As cruces de pedra na Galiza de Castelao, O libro dos amigos de Otero Pedraio ou A esmorga de Blanco Amor deben moito ao labor de Luís Seoane. El foi un dos responsábeis de que a literatura galega non deixara de existir en momentos tan críticos como a inmediata posguerra. En xullo de 1948 organiza e monta con Castelao e Rodolfo Prada unha exposición sobre libros galegos que terá unha gran repercusión entre os galegos e as galegas e a sociedade arxentina.
A importancia de Seoane como editor aparece recollida nos relatorios do I Congreso da emigración galega de 1956: \"E tratándose de ediciós de libros galegos na Arxentina, non se pode deixar de rexistrar i eisaltar como exempro, a eistraordinaria laboura de Luis Seoane, quen, amáis de producir validosas obras literarias e artísticas, ven sendo afervoado propulsor da pubricazón de libros galegos\".
O exilio galego a través de diferentes publicacións manterá informada á colectividade galega da realidade da nosa nación e contribuíra a manter e difundir a cultura e a lingua galega. Luís Seoane foi o responsábel de varias revistas como Galicia emigrante e Correo literario. Durante 17 anos dirixe o programa de radio Galicia emigrante para o que fai as crónicas dun gran sentimento patriótico.
A súa obra literaria componse de dous libros de teatro, A soldadeira e O irlandés astrólogo; e catro libros de poesía: Fardel de eisiliado, Na brétema Sant-Yago, As cicatrices e A maior abondamento que teñen como temáticas a denuncia social e os problemas da emigración. O seu primeiro libro de poesía Fardel de eisiliado é dos primeiros libros de temática social da nosa literatura despois de 1936.
Ramón Piñeiro en 1958 acusa a Seoane de marxista e dille que \"a confusión arte-literatura-loita de clases-revolución, que estaba en voga cando eran rapaces, é hoxe puro anacronismo e pura propaganda\". Seoane respóndelle con claridade: \"vivo a miña época\" mais \"defendo as nosas verdades de entón porque continúan sendo verdades\", \"a xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas e outras coma ti dis propaganda\", porque \"a súa novidade ten polo menos os séculos do Novo Testamento\".
A faceta máis coñecida de Seoane é a de pintor. A partir dos anos corenta vai crear unha obra extraordinaria que será recoñecida en todo o mundo. En 1945 o seu libro Homenaje a la Torre de Hércules é galardoado en Nova York xunto á Histoire Naturelle de Buffon, ilustrada por Picasso. A pintura vai acompañada do seu labor como gravador e autor de murais.
Outra das facetas destacadas de Luís Seoane é o seu labor como ilustrador. Fai ilustracións e portadas para os libros que el edita e para moitos relacionados con Galiza. Ademais tamén é ilustrador de moitos títulos das editoriais arxentinas Losada, Poseidón, Sudamericana ou Atlántida.
Igual que nas outras facetas tamén puxo a súa arte ao servizo de Galiza. É o autor do relatorio \"Encol dun Museo de Arte circulante\" do I Congreso da emigración galega onde afirma que \"estudar a historia das nosas artes é un xeito de estudar a historia de Galicia, a máis de ser útil pra coñecer o máis seguro xeito de eispresión dos galegos\". Tras a morte de Castelao, Luís Seoane recolle en Castelao artista a faceta artística do líder nacionalista.
Desde 1936 desenvolve a súa actividade principalmente en Bos Aires mais tamén colabora en moitas actividades culturais de Galiza. Entre elas, participa na fundación do Laboratorio de Formas de Galiza que vai ser a orixe de Ediciós do Castro, do Museo Carlos Maside de Sada e de Cerámicas Sargadelos e relaciónase cos membros de Brais Pinto e da UPG.
En 1968 nunha carta a Neira Vilas cóntalle: \"Mais todo está cambiando en Galicia e moita xente moza está renovando as mentalidades detidas no tempo. Estanse facendo cousas interesantes e destacándose xentes novas de verdadeiro valor que a un danlle pulos pra o traballo\". En 1976 afirma: \"Hai unha mocedade preocupada e extraordinaria en moitos aspectos, renascen, así se pode afirmar, o idioma, búscanse os libros galegos e afirman en actos a sua existencia. Eu estou con eles\".
As diferentes facetas de Seoane mostran unha persoa cun grande entusiasmo, dignidade e compromiso que desenvolveu unha actividade continua de reivindicación de Galiza. O centenario do seu nacemento debe contribuír a coñecermos máis esta figura esquecida
http://www.terraetempo.com/artigo.php?a ... &seccion=5

Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante