Onde os pais non bicaban os fillos

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Onde os pais non bicaban os fillos

Mensagempor cachafeiro » domingo, 28 mar 2010, 22:33

Onde os pais non bicaban os fillos
- A narrativa contemporánea apenas se ocupa da desaparición do mundo rural - Pasou da idealización ao relato dos labregos proletarizados na periferia urbana
DANIEL SALGADO
No final de 1976, 565.000 galegos constaban no réxime da seguridade social agraria. Trinta e tres anos logo, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a cifra era de 88.000. Pero a metamorfose social que incorporou Galicia ás redes do capitalismo avanzado comezara xa nos 60. \"Un violento choque de mentalidades, unha articulación conflitiva entre as cosmovisións da cultura tradicional e as da cultura posmoderna\", definía este tránsito o antropólogo Marcos Lorenzo nunha charla de 2007. Esa grande transformación, aínda en curso, apenas atopou correlato literario. E cando o fixo, fíxoo antes na poesía que nunha narrativa máis ocupada coas tensións da migración campo-cidade que co rexistro da devastación dese difícil lugar do tempo onde, en palabras do escritor Bieito Iglesias, \"os pais non bican os fillos
\"Os narradores que comezan non teñen experiencia directa do rural\", considera a crítica Dolores Vilavedra, \"e diríxense a un público urbano ou vilego\". A profesora traza, nun dos capítulos do seu vindeiro libro A narrativa galega na fin de milenio. Unha ollada crítica (no prelo), unha cartografía da \"persistencia\" do modelo ruralista na literatura galega. Vilavedra enumera polo miúdo os restos do tradicionalismo de raíz oral e menciona o bravú como \"a primeira ocasión na que a literatura galega elaborou un modelo étnico simbiótico, integrando o rural, o urbano e o mariñeiro, a tradición e a modernidade\". Pero o seu percorrido detense nese punto. \"Entre os autores novos atópase Lupe Gómez ou escritores maiores pero que se inician na publicación de xeito serodio\", explica. Entre eles, Xabier Quiroga -Atuado na braña, Era por setembro, O cabo do mundo- ou o xornalista Afonso Eiré.
Eiré (Chantada, 1955), durante anos director do semanario A Nosa Terra e hoxe conselleiro delegado da empresa, asómase en novelas como Eu tamén fun coas vacas, Amigos sempre, O coxo de Vilarelle ou O bico de Tina ao mundo rural do interior achegado á Ribeira Sacra. E faino de xeito programático, consciente. \"Interiorizouse, mesmo nos intelectuais nacionalistas, que o rural era algo obsoleto\", di, \"e non se literaturizou\". Tamén arremete contra a identificación que, ao seu ver, anexa literatura urbana e experimentalismo formal. Aínda que, admite, non é o seu negociado: \"Eu teño claro o que quero contar e para que o quero contar\".
Ao cabo, Afonso Eiré bota en falta o relato do que cualifica de \"transformación sen parangón na Europa contemporánea\", a modernización agraria do país, a desertificación demográfica e \"o paso do caciquismo ao neocaciquismo\". \"Só se pode equiparar, na historia galega, ao século XVIII, cando as casas grandes mudaron en pazos e se reformaron as igrexas\", considera, e teoriza sobre a síndrome do novo rico para enxergar estes silencios narrativos: \"Hai xente que non quere asumir o seu pasado, os leiras, que saímos da aldea para chegar á universidade\".
Amais de análise socioloxista, o escritor chantadino tamén fala de literatura. O desprezo pola oralidade como estratexia literaria, \"agora corrixida por autores da caste de Cid Cabido\", ten que ver con ausencias, buratos negros e uniformade estilística. \"Por exemplo, aquí moitos pasamos polo seminario. Foi a única maneira de acceder ao ensino superior para a xente da aldea. E, porén, esa experiencia apenas se contou. En Portugal, por caso, está Manhã submersa [1953], de Vergílio Ferreira\". Si a contou o propio Eiré en Amigos sempre (1988), para quen tamén resulta significativo que \"non haxa literatura sobre as vacas, como hai nos Estados Unidos. Aquí son máis feitas\".
Tampouco é que Eiré se vexa só no seu labor de consignar o esvaecemento dos ámbitos da súa infancia. Lembra obras narrativas de Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946), tamén facturador de traballos de xorne etnográfico, e a Xosé Neira Vilas (Gres, 1928), que acadou categoría de best-seller con Memorias dun neno labrego. \"Escribiume unha carta cando saquei Eu tamén fun coas vacas [2000]. Dicíame: \'Segue así, que dentro de pouco non vai quedar ninguén que escriba sobre iso\".
Para o novelista Bieito Iglesias (Ourense, 1957), as vacas tamén contribúen ao diagnóstico da literatura do rural. Pero válese dunha expresiva comparación: \"O western é unha estilización do mundo rural americano, pero nunha versión homérica, sen reconstrucións costumistas\". E aínda que Dolores Vilavedra non lle prace a analoxía, Iglesias refírese ao oeste estadounidense da segunda metade do século XIX como exemplo de qué facer, dende as artes, coa desaparición de todo un mundo. \"Captar unha atmosfera, unha mentalidade, unha relación particular co tempo, e deixar o costumismo para os etnógrafos\".
Ao autor de Pan e coitelo (2007) gústalle citar a William Faulkner, \"un modelo de escritor rural\". Con todo, o traballo de Bieito Iglesias remite antes a Pier Paolo Pasolini no seu retrato dos labregos proletarizados que arribaron nas contornas urbanas a partir da década de 60. \"É que eu escribo do que vivín\", xustifícase, \"a sociedade tradicional agonizante dos meus avós, a que se esvae cando empezan a chegar as divisas da emigración\". E recoñece que apenas algún escritor se ocupa \"dese fragmento de vida dunha clase que se extingue\". Non hai un John Berger, atina a resumir.
\"Temos unha relación hipócrita con ese mundo, unha visión tétrica\", engade, \"porque se interiorizou que a vida rural foi un pesadelo, a miseria, a fame\". Así, a literatura galega actual enfróntase á cuestión dende dous puntos de vista: \"A ollada idealizada ou étnica ou o paternalismo. Ao cabo, no discurso sobre o feísmo existe un pouso de paternalismo e mesmo de racismo\". \"Hai mitificación e ao mesmo tempo un alivio, pero non unha relación desacomplexada\", conclúe Bieito Iglesias.
Dos escasos autores novos que pescudan máis alá das cidades, Lupe Gómez (Fisteus-Curtis, 1972) fíxoo até as últimas consecuencias en Fisteus era un mundo (2001). En resposta remitida vía electrónica, Gómez adxectiva a escrita daquel libro como \"catártica, balsámica\". \"Foi poñerme en paz comigo, coa miña vida, coa miña xente, cos meus recordos\", anota, e lembra que redactou as súa \"memorias de nenez\" por consello dun amigo xornalista.
\"Quixen falar das luces e das sombras dun mundo complexo, rico, fundamental\", afirma, antes de considerar a aldea \"fundamento de toda unha vida e de toda unha obra literaria\". Marcada ademais pola súa primeira lectura -Memorias dun neno labrego-, a tamén poeta achaca o baleiro rural da súa xeración á vergoña. \"Quizais ser de aldea foi algo que había que esquecer e ocultar\", láiase, \"igual que ocultamos un defecto físico\". Nomear un mundo para \"que non morra nunca\", designa Fisteus era un mundo.
Da mesma quinta que Gómez, e paisano dos arredores de Curtis, o antropólogo e escritor Marcos Lorenzo (1970) trazaba a Galicia en liquidación no texto mencionado. Sen concesións. \"En 40 anos asistimos ao proceso de demolición do mundo antigo, a unha especie de liquidación das realidades precedentes. Agora instalámonos na liquidación como mecanismo, como forma de vida\".
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/ ... gal_21/Tes

Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante