comarcas de Galiza

...Para calquera outro tema non recolleito nas outras categorías.
pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

comarcas de Galiza

Mensagempor pilarmabel » quinta, 31 dez 2009, 10:06

A Mariña Occidental, paisaxe de lenda
Os abruptos cantís e as praias tranquilas de area, os altos da Serra do Xistral, as ribeiras do Landro e os soutos emblemáticos como o da Retorta de Chavín. Velaquí un percorrido pola Mariña Occidental.
A Mariña Occidental é unha demarcación integrada polos concellos de Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove, que forma parte da Mariña de Lugo. Abrangue unha superficie de 426,4 km², limitada polo río Sor, que fai linde coa provincia da Coruña e a Serra dos Cabaleiros, e na actualidade conta cunha poboación de 27.520 habitantes.
O seu poboamento remóntase á antigo, pero, dende a Idade Media, o desenvolvemento da comarca foi parello á historia de Viveiro, caracterizada pola intensa actividade portuaria e comercial.
Un bo xeito de coñecer as praias da comarca é realizar a ruta do litoral, ideada para facer en bicicleta. O percorrido comeza na ría do Barqueiro (Viveiro), un espazo natural de grande interese paisaxístico, e discorre pola beira do mar até a enseada de San Cibrao (Cervo). Neste lugar tópase o Museo do Mar, que recolle artes de pesca, aparellos, instrumental de navegación, fotografías, restos óseos de baleas capturadas en San Cibrao, documentación e cartografía así como unha colección de maquetas de buques.
Cervo
A comarca da Mariña Occidental ten gran tradición na explotación industrial dos recursos, pero Cervo conta con oco de seu na historia empresarial recente do país, da man tanto da fábrica de Sargadelos como de Alúmina-Aluminio, a maior planta deste tipo de Europa. No século XVIII, Antonio Raimundo Ibáñez, marques de Sargadelos, nacido e Santalla de Oscos, fundou os primeiros altos fornos privados de España, no lugar de Sargadelos, para o aproveitamento dos recursos naturais da zona, con persoal técnico procedente doutros puntos do Estado, coa intención de rachar cos xeitos de produción artesanais.
En 1794, a consecuencia da guerra con Francia e o mal estado no que se topaban boa parte das fundicións estatais, ofréceselle a Sargadelos un contrato para prover de material bélico ao exército español. Con todo, a partir de 1806, o enclave foi dando paso á elaboración da afamada louza e cerámica de Sargadelos, de recoñecemento internacional, aproveitando a oportunidade de mercado que supuxo o cesamento das importacións de louzas Bristol inglesas. As intencións do ilustrado de ampliar o proxecto ao sector téxtil e do vidro truncáronse poucos anos despois coa súa morte violenta, en circunstancias non ben coñecidas.
Despois dun século de inactividade, na década de 1960 a fábrica renaceu dentro dun proxecto ideado polo Laboratorio de Formas, un grupo de intelectuais galegos residentes en América interesados na recuperación económica e cultural de Galiza. Na actualidade, as visitas ás instalacións poden realizarse durante a xornada laboral.
Cervo ten ademais moitos enclaves de interese paisaxístico, pero entre todos eles poderían destacarse os Farallóns, pola cantidade de lendas que se crearon ao seu redor. Trátase das illas Baixa, Sombriza e Pé. Unha das tradicións orais di que a Maruxaina, unha serea da Mariña de Lugo, atrae ás xentes do mar cos seus cantos e berros para que naufraguen nos Farallóns. Outras, desposúena dese carácter malvado e contan que berra para avisar os mariñeiros dun posíbel naufraxio. En San Cibrao celébrase unha festa para conmemorar o día en que os homes prenderon e queimaron a Maruxaina.
Ourol
Ptolomeo xa falaba nos seus escritos que pola zona que actualmente ocupa o concello de Ourol estaba o antigo asentamento de Flavia Lambris, de orixe castrexa profundamente romanizado. Naqueles tempos explotábanse na contorna algunhas minas de ferro. Do paso dos romanos achouse unha ara na parroquia de Xerdiz, hoxe albergada no Museo Provincial de Lugo.
Na actualidade, as terras de Ourol forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e parte delas están protexidas nos LICs Río Landro e Serra do Xistral. Entre os numerosos depósitos arqueolóxicos cos que conta cabe destacar castros e mámoas, e merecen tamén atención as ferrarías, muíños, igrexas, cruceiros e casas de indianos que se espallan por todo o concello.
Por Ourol discorre ademais unha antiga ruta xacobea, que entraba no termo municipal pola Ferrería, que lle debe o nome á vella construción que alí existía e que chegou a ser das máis importantes da zona.
O Vicedo
A comarca foi tamén refuxio no século XIV dos cabaleiros da Orde dos Templarios, que na súa fuxida de Francia instaláronse no mosteiro de San Miguel, na Illa Coelleira, pertencente hoxe ao Vicedo. Di a tradición que o señor de Viveiro ordenou decapitar a todos os templarios da illa. Tan só un conseguiu fuxir, refuxiándose nunha casa de Vicedo, coñecida como a Casa do Paisano.
Ten interesantes espazos naturais, no curso do río Sor e na costa, que está protexida no LIC Costa da Mariña Occidental, e no patrimonio cultural como as igrexas de Cabanas e as pontes do Porto e Sor.
Viveiro
A pesar de que o abundante número de depósitos arqueolóxicos dan conta de que esta foi unha terra rica que atrae dende antigo os pobos prerromanos e as lexións do imperio, non foi até a Idade Media cando toma forma Viveiro tal e como se entende hoxe en día. O desenrolo económico que viviu durante os século XII e XIII prolongouse durante os dous séculos seguintes, deixando boa mostra deste esplendor en construcións, edificios e escudos de armas.
O antigo recinto contaba cunha muralla que o circundaba, concibida para a defensa contra os ataques exteriores pero tamén contra a peste. Dese perímetro só se conservan tres das súas primitivas portas: a do Valado, que mostra a súa orixe románica, a da Vila, construída en 1217, e a do Castelo da Ponte, tamén chamada de Carlos V. Enfronte desta última porta está a ponte medieval que atravesa a ría. Ademais da muralla, aínda pode verse o Calexón do Muro, unha das vías públicas máis angostas de Europa ao non superar o metro e que constituía un dos antigos accesos ao paseo de rolda da construción defensiva.
O románico deixou destacadas pegadas en Viveiro, entre as que destacan a igrexa de San Pedro, a de Santa María e a antiga conventual de San Francisco. Trazas románicas tamén se poden ver no convento de Valdeflores, en Xunqueira.
Na parroquia de Covas, creouse unha área recreativa sobre un antigo embarcadoiro de mineral da Silvarosa, unhas minas de ferro que pecharon. Aínda hoxe se poden contemplar os pozos, canteiras e antigas edificacións para o aproveitamento do mineral destas terras ferruginosas. Ao seu redor habilitouse unha ruta que se achega a enclaves que permiten enxergar interesantes panorámicas de Viveiro.
Nesta parroquia, concretamente próxima a praia de Covas e ao redor das súas illas, coñecidas co nome de Illas dos Castelos, existe tamén outra lenda cun animal mitolóxico como protagonista. Dise que no pozo Piago, no medio do mar, vive unha serpe mariña xigante que se deixa ver na mañá de San Xoán.
Dentro do patrimonio natural destaca o Souto da Retora de Chavín. Os case 600 eucaliptos foron plantados a partir de 1860, como protección contra as avenidas do río. Algúns acadaron tamaños espectaculares como é o caso do Avó, considerada a árbore máis alta de Galiza. O eucalipto en cuestión mide 70 metros de altura e ten un diámetro de 2,5 metros e 10,5 de perímetro. Pode realizarse unha ruta ecuestre polo interior da Retorta.
Xove
Situado ao leste da comarca, a costa de Xove transita desde cantís abruptos até pequenas praias e enseadas abrigadas, e o interior de montes con fragas até ríos e turbeiras. Tamén ten un importante patrimonio etnográfico, entre o que destacan pequenos portos pesqueiros con restos de factorías baleeiras como o de Morás.
Recomendábel é a visita da Fervenza do Pozo da Ferida, na parroquia de monte, onde o río debe franquear un desnivel de máis de 30 metros de altura. As augas forman na caida unha poza circular rodeada de amieiros, salgueiros, carballos e fentos
Fuente: http://www.anosaterra.org

Voltar para “Caixón de xastre”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 0 visitante