Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña

Mensagempor cachafeiro » quinta, 17 dez 2009, 15:54

NORMALIZACIÓn
Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña cualificándoo de “intolerante partidario da imposición lingüística”
A asociación que preside Gloria Lago confirma que vai acudir ao Simposio Internacional Ecolingua aínda que o tilda de “paripé sectario”.
Redacción - 12:20 17/12/2009
Na súa xornada inaugural, a polémica chega ao I Simposio Internacional Ecolingua que se celebra en Vigo. O seminario que pretende “desmontar con argumentos as falsidades de que en Galiza existe unha imposición do galego” está organizado polo instituto IGEA, que preside Anxo Quintana. O máis curioso é que o colectivo Galicia Bilingüe, que está convidado a unha das conferencias, enviou este xoves un comunicado aos medios de comunicación arremetendo contra a organización.
A asociación que preside Gloria Lago critica abertamente ao empresario lalinense Rafael Cuíña, encargado de abrir as xornadas. A respecto do tamén colaborador de Vieiros, Galicia Bilingüe afirma que “chama a atención que a persoa encargada da sesión de apertura sexa o empresario Rafael Cuíña, recoñecido partidario da imposición lingüística e que, pola súa condición de militante do PP, foi utilizado en repetidas ocasións polas organizacións nacionalistas como aval da súa intolerante postura”.
Galicia Bilingüe tamén cualifica o simposio de “paripé sectario” e de “burdo intento de edulcorar diante da opinión pública a deostada política de imposición lingüística posta en marcha polo anterior goberno da Xunta e que aínda segue vixente”. Aínda así, o colectivo vigués confirma que Gloria Lago asistirá o sábado a unha mesa redonda.
Resposta de Cuíña
En declaracións a este xornal, Rafael Cuiña asegurou con retranca ao respecto das acusación de Galicia Bilingüe que \"teño que recoñecer que no seu universo mental teñen razón\". O empresario engadiu ao respecto que \"eu o que nunca vou ser é indigno coa nosa cultura\". Porén, Cuíña quixo restarlle importancia ás críticas do colectivo de Gloria Lago sinalando que \"non perdo un segundo máis con este tipo de grupos de presión que non pasaron polas urnas\".
http://www.vieiros.com/nova/77623/galic ... tica-rdquo

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña

Mensagempor cachafeiro » quinta, 17 dez 2009, 16:06

Intervención de Rafael Cuíña na sesión inaugural de Ecolingua
Ofrecémoslle de xeito íntegro o texto do empresario e articulista lalinense que vén de erguer unha enésima polémica con Galicia Bilingüe.
Redacción - 12:41 17/12/2009
O GALEGO É DE TODOS
Bo día
En primeiro lugar o meu máis sincero agradecemento aos presentes pola súa asistencia, e ao ISTITUTO GALEGO DE ESTUDOS EUROPEOS E AUTONÓMICOS por convidar un empresario galeguista a facer a intervención de apertura destas xornadas representativas da dignidade dun país.
Agradecemento tamén, por ter a valentía, e facer o tremendo esforzo, de deseñar un programa plural no que a diversidade de tendencias que ten Galicia, en canto á súa concepción de país se refire, se vexa reflectida nuns relatorios á altura do que esta bendita terra merece.
Non é ningún segredo afirmar que en tódolos ámbitos da sociedade galega, aprézase a triste existencia dun momento complicado para un dos símbolos e alicerces fundamentais da cultura dun pobo, como é a súa ferramenta de comunicación enraizada no imaxinario colectivo, tras séculos de utilización, sendo sustento no noso caso dunha concepción social autoidentificadora de pobo diferenciado, cunha visión complementaria cara outras realidades lingüísticas do Estado, mais non excluínte.
Cando tantos milleiros e milleiros de galegos se manifestan nas rúas dese mar de pedra estremecido polo vento, como lle chamou Celso Emilio Ferreiro a Compostela, como símbolo do sentimento e da simbiose entre o pobo galego e a súa cultura, temerosas pola vixencia da identidade de seu, mais dispostas a defendela co empuxe e a determinación dos que saben que teñen a razón; o primeiro que tiñan que recoñecer os que están a crear este problema, é de facto a súa existencia. Os que se amosan dispostos a abrila “caixa de pandora” da indecencia lingüístico-cultural e se converten en creadores de brétemas artificiais evocadoras de complexos de inferioridade, saben que teñen enfronte unha lexión de galegos, dignos defensores do que non deberían ter que defender, mais prestos a facelo, por enfrontarmonos a un futuro lingüístico incerto, no que as cuestións que de verdade odiamos facer, son as que tememos coñecer xa a resposta.
Pois si, rotundamente, o galego é de todas e de todos, é a alma dun pobo de traballadores e empresarios, de políticos, xornalistas e financeiros, e de xentes de toda condición social con ampla visión das necesidades do seu pobo reflectidas de base no seu propio ser.
É dos militantes do PP, do PSOE, do BNG; é de conservadores, liberais, socialdemócratas e marxistas; é dos que como Castelao pensamos que “sendo galego non podo ser máis que galeguista”, é a demostración máis sinxela do seu tremendo potencial como elemento de cohesión social entre sectores en ocasións enfrontados por intereses bastardos. Nestas ocasións, é cando se poden facer gabanzas dos representantes sociais que buscan consensos, e a denuncia dos elementos hostís que provocan actitudes destrutivas de todo aquelo que con tanto esforzo fomos gañando co tempo, como é o galego.
Denuncio os irresponsables políticos dispostos a ser verdugos de todo aquilo que non sexa “pragmatismo castelanista”, e aos partidos que os sustentan mirando cara outro lado cando esto se está a producir.
Denuncio os empresarios que consideran “infantilismo utópico” a utilización dun idioma propio que non provoque rendementos de capital inmediato, sen aprezar nin ter en conta o potencial do propio, cara investimentos en mercados irmáns como o portugués, o brasileiro e tantos outros emerxentes ou xa consolidados.
O reduccionismo mental da asunción do “pragmatismo existencial”, como referencia para o desenvolvemento empresarial, é un déficit daqueles que non son capaces de ter a grandeza de miras de utilizar unha lingua propia, coexistente e en pé de igualdade coa do Estado, como oportunidade engadida, máis que como un problema. É a demostración palpable dunha miopía empresarial que utiliza garfos nun mundo de sopa.
E como denuncio estes posicionamentos, tamén gabo os contrarios, os de tantos empresarios que non só non se esconden nas súas obrigas co entorno no que traballan e crean riqueza, senón que o promoven e o sustentan.
Denuncio tamén a aquelas asociacións cidadáns, por marxinais que estas sexan, que se disfrazan de defensores da liberdade lingüística, e presionan a gobernos, cando en realidade son monolingüistas que consideran ao idioma nai desta terra como un elemento accesorio, mais nunca prioritario. A suposta liberdade de elección dun idioma, non pode deixar aberta a porta ao negacionismo cultural, como avala o propio Tribunal Supremo nunha recente sentenza. Intentar rebaixar a presenza do que vai na propia esencia, é propio de imbéciles e escuros, como di o himno de Pondal.
Debemos ter en conta que nos intentos de contenda, incluso cando un gaña o que crías que querías, pode de repente ser revalorizado; de aí que de todo isto xurdan organizacións que representan a dignidade dos galegos, como pode ser “Prolingua”, ou a propia “Queremos Galego”, como se dunhas modernas “Irmandades da Fala” se tratasen, que ante os devanditos ataques dalgunhas pseudoélites urbanas, e demais grupos de presión, contra a lingua galega, reaccionan/reaccionamos con principios “unamunianos” como “venceredes pero non convenceredes”, aínda que eu son directamente máis partidario da esperanza de dicir “como non convenceredes, non venceredes”, debe ser seguramente un “ramalazo” meu de “infantilismo utópico”. Por tanto ese bilingüismo falso, non é máis ca un elemento potencial inductor de ambigüidade e asfixia cultural identidaria; xa sexa por acción ou por omisión, xa sexa por dolo ou culpa, é un salto ao baleiro da nosa cultura, coa posibilidade e perigosidade case viral, de transmisión posterior a calquera ámbito social.
Fronte ao negacionismo lingüístico, traballo arreo en prol de nosa cultura.
Fronte aos que miran cara outro lado nestes momentos, denuncia sen paliativos.
E fronte a indignidade, sempre COMPROMISO.
Lémbrolles a algúns a súa responsabilidade ante a Historia deste pobo; as súas accións negativas sempre estarán no “debe” existencial del, pola súa ignorancia fagocitadora cultural, e as súas achegas, no “haber” do orgullo de pertencer á caste galega. No “haber” sempre estarán verbas cargadas de simbolismo e máis aló do efectismo, como POSITIVISMO, CONSENSO E COMPROMISO.
Lonxe de aceptar a existencia dunha suposta imposición, e evidenciando que é un debate viciado pola mala fe, o meu modesto recoñecemento persoal a persoas como Anxo Quintana, que co decreto do galego aínda vixente, e próximo a ir ao “soño dos xustos”, buscaba máis “poñer” que “impoñer” dentro da realidade de Galicia como ente plurilingüe.
Reitero como mensaxe principal que non se pode entender Galiza sen ter o seu idioma nai como referente absoluto, nin se pode entender por parte da nosa sociedade, a non existencia de consensos coa nosa cultura, como alicerce de desenvolvemento social, empresarial e vital. Esa “baraka” na que viviron durante décadas os que consideraban unicamente o galego como parte dun folclore, máis que como a esencia da alma dun pobo, rematou. Somos a nación do Estado español, na que maior porcentaxe de xente estatisticamente coñece a súa lingua chamada “vernácula”, e fronte aos que pensan que é unha teima endogámica nacionalista, a realidade é que a lingua maioritaria de tódalas forzas do abano parlamentario, -e dos que non o son-, utilizada polos seus votantes, é o galego.
Unha vez que perdamos o valor incalculable da nosa lingua, xa non teremos posibilidade de “plan B”, e o dano sería determinante para o noso futuro como pobo. Por todo elo prégolle a nacionalistas e galeguistas, a “piñeiristas” e a militantes de partidos centralistas de calquera recanto de Galicia, simplemente compromiso co noso. Un, que comparte a visión en canto a concepción de Galicia como nación, lingua , territorio, tradición e institucións propias con espírito e alma colectivas, na liña de Risco, máis ca na do tamén admirado Boveda, probablemente aposte pola metade do camiño, e para rematar lembre os fermosos versos de Cabanillas que levo marcados a lume na alma:
Galicia! Nai e señora
Sempre agarimosa e forte
Preto e lonxe; onte, agora,
Mañán, na vida e na morte.
http://www.vieiros.com/nova/77625/inter ... -ecolingua

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña

Mensagempor cachafeiro » quinta, 17 dez 2009, 16:30

A Gloria Lago, dunha ex-alumna bilingüe
11.04.2008 | 11:17
Este artigo escrébeo unha estudante galega, en formación universitaria, instruída na lingua inglesa pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. Nestes últimos tempos vimos como esta asociación foi creada e comezou a espallarse, e intrigada por un lema tan nobre como Galicia Bilingüe, acudimos ás fontes de información oficiais que nos instruíron sobre as bases, principios e obxectivos desta organización capitaneada pola miña ex profesora.
Cal non sería a sorpresa cando descubrín o que en realidade pretende Galicia Bilingüe, entidade de nome cando menos paradoxal:
Dunha banda, esta asociación considera que a presenza do galego nas aulas é excesiva, desproporcionada en relación o castelán e completamente inxustificada, esta primeira aseveración non pode menos que facerme sorrir, posto que no mesmo centro IES Santo Tomás de Freixeiro de Vigo, no que Gloria Lago imparte clases, estudei eu. Alí puden presenciar unha violación do espírito da Lei de Normalización Lingüística, que avoga por un uso xeneralizado do galego no ensino a excepción, claro, de lingua castelá e linguas estranxeiras. Non obstante, e curiosamente, só a clase de galego e a de filosofía, eran instruídas en galego. Todas as demais, dende o latín até as matemáticas eran explicadas en castelán, pese ás numerosas queixas de alumnos e investigacións oficiais adicadas a facer cumprir á lei.
“Lo que Galicia Bilingüe propone no supone la separación por centros de los alumnos en función de la lengua docente elegida, sino por aulas, ya que ello tiene dos ventajas. En primer lugar favorece la tolerancia, la integración social y la intercomunicación entre los alumnos, al margen de la lengua que prefieran utilizar”. Este anaco sacado da súa páxina oficial non pode menos que deixarnos abraiados, alguén que cree nunha evolución necesaria para a nosa terra proponnos voltar os anos escuros, separar a mozos e mozas segundo a lingua que falen, con que obxectivo? Integralos, claro, non obstante esta integración aseméllanos un tanto difícil se parte da base do segregacionismo. Xuntar os nenos segundo a lingua que falen non pode senón provocar a longo prazo o rexeitamento daquel que non fala coma ti, que non pensa coma ti. A lingua é un gran catalizador da unión e o mesmo tempo unha sólida barreira, non podemos fomentar unha tendencia natural a aproximarnos a aquel que se nos asemella e afastarnos daquel que non se nos parece. Non nun país bilingüe.
As consecuencias da segregación lingüística observámolas de maneira paradigmática en Bélxica. Neste país, a incomprensión entre membros dun mesmo pobo é a resulta dunha política centrada no monolingüismo. Flamencos e valóns foron educados cada un nunha soa das linguas do seu territorio. O resultado foi que nun país bilingüe cada comunidade era perfectamente allea á lingua da súa veciña. Se trasladamos este exemplo a Galicia, se os mozos escollen cada un unha lingua na que ser educados, imaxinamos fácilmente a resulta indesexábel e catastrófica á que os estaríamos condenando.
Para rematar quero indicar o porqué é a escola o lugar escollido para fomentar o galego. O castelán, como lingua ten un porvir asegurado en Galicia, ningún neno galego queda alleo á “lingua do imperio”, a televisión que ve, a radio que escoita, a maioría das súas actividades desenvólvense en castelán, sería imposíbel privalo deste capital que lle é propio, a intención xeral, e só que teña a contrapartida, de coñecer unha lingua quizais máis antiga e fermosa co obxectivo de que domine igualmente as verbas utilizadas secularmente en Galicia. O galego debe ser ensinado na escola, sen moderación e sen fronteiras. O galego tamén é unha lingua axeitada para as ciencias, a plástica ou a ximnasia. Os pais na casa, evidentemente, son libres de falar unha lingua ou outra, de aprenderlles ou non os seus fillos o segredo do pluralismo, abofé que os amiguiños falarán entre eles na lingua que lles apeteza, pero a escola debe manterse como o último bastión da cultura, onde afondar no coñecemento dunha lingua menosprezada secularmente e que comeza a retomar unha imaxe “normal”. Pero non hai que tomalo dende a perspectiva da revancha histórica, senón dende á da naturalidade de relacionarnos tanto na rúa como na escola nunha lingua que nos pertence e á que pertencemos.
Aceptamos que a discriminación positiva é, sen dúbida, un concepto a manexar con coidado, pero se o aceptamos para facilitarlle o acceso ao traballo ás mulleres ou os diminuídos, se o utilizamos para favorecer a aqueles que teñen mais dificultades á hora de adaptarse o sistema, porque unha lingua eivada non pode gozar de tal privilexio?
Negarlle esta oportunidade de riqueza a un neno, facéndoo escoller, non é promover o bilingüismo querida profesora, iso é quitarlles un dereito adquirido, con moitas dificultades polas xeracións que os precederon, e non creo que ninguén se considere coa autoridade moral de facer semellante cousa. Se temos a sorte de ter dúas linguas, dúas culturas, dous patrimonios, porque debemos renunciar a un deles? Porque escoller?
Ana
Barros Feteira
Estudante
http://www.anosaterra.org/index.php?p=nova&id_nova=7466

yagui
Mensagens: 81
Registado: segunda, 13 set 2004, 23:00

Galicia Bilingüe arremete contra Rafael Cuíña

Mensagempor yagui » quinta, 17 dez 2009, 20:06

Só filosofia e galego em galego? Curioso...na lingua na que a gente pensa e fala xD.
Como digo eu: Galicia Bilingüe si defende o bilingüismo: castelhano e espanhol. Hehe!
Saúdos


Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante