I Premio de creación literaria Biblos/Pazos de Galicia para

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

I Premio de creación literaria Biblos/Pazos de Galicia para

Mensagempor casdeiro » sexta, 26 nov 2004, 18:37

I PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran co proxecto

Na procura dos escritores que darán prestixio á literatura galega no século XXI e de ceder protagonismo aos menores de 25 anos na cultura do país.

O gañador disporá dun mes nun Pazo de Galicia para reflexionar e traballar no seu proxecto da man dunha recoñecida personalidade.

A novela gañadora publicarase na Colección Mandaio de Biblos e terá unha edición especial coa súa tradución ao castelán para os clientes de fóra de Pazos de Galicia.

Non procuramos a mellor novela do ano, pero si escritores que un día, con traballo, formación e madurez, poidan figurar entre os mellores da nosa literatura. Queremos unha boa idea e un plan para a desenvolver. Así nace o 1º Premio de Creación Literaria que Biblos convoca co patrocinio de Pazos de Galicia e a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega co obxectivo de galardoar nesta primeira edición un proxecto de novela e facilitar a súa conclusión para que forme parte da Colección Mandaio.

Sabemos que hai moitos e moitas autores/as noveis petando reiteradamente á porta dos concursos literarios sen unha oportunidade para superar ese chanzo. Logo sempre, con pleno acerto dos xurados, quedan ás portas dos premios por problemas de : un final precipitado, un ritmo deficiente, uns diálogos pouco traballados, etcétera. Pero ninguén llelo di nin teñen unha oportunidade para corrixir eses erros. A nosa convocatoria diríxese a eles. Queremos que nos conten o seu proxecto, que nos fagan coñecer unha mostra do seu estilo e, a partir de aí, os impulsores desta convocatoria darémoslle ao gañador todas as facilidades para que no marco perfecto dun establecemento dos que integran Pazos de Galicia, e coa tutela dun prestixioso especialista, escritor e profesor, poida analizar, discutir e finalmente introducir no texto, libremente, as melloras que estime opotunas.

Para esta primeira edición do premio contamos coa Casa Grande do Bachao, un lugar fermoso a carón do Tambre, a poucos quilómetros de Santiago, illado no medio do monte e con todas as comodidades para que o escritor ou escritora que gañe poida desenvolver o seu traballo coa máxima tranquilidade.



BASES
I PREMIO BIBLOS DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS 2004.- NOVELA

BIBLOS CLUBE DE LECTORES,S.L., co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interés necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 1º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS, nesta primeira edición dirixido á novela, co patrocinio de Pazos de Galicia e a colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística, e de acordo coas seguintes
BASES
1. Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2005 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde nacesen ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2. Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 30 e 40 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a.
O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para poder localizalo (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4. Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).
5. O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente por un recoñecido escultor galego.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, nun dos establecementos de Pazos de Galicia, nun lugar singular que reúne as condicións necesarias para que o escritor desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor de renome designado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega que o asesorará en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego na colección Mandaio de Biblos nas mesmas condicións que os autores precedentes, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
f) A tradución da novela ao castelán de cara a unha edición destinada aos clientes non galegos de Pazos de Galicia. Neste caso, o premio considérase un anticipo dos dereitos de autor da primeira edición que en ningún caso superará os mil exemplares.
6.- A admisión dos traballos pecharase o 15 de marzo do 2005.
7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará cinco traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 15 de xuño as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o mes de outubro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2005 para a súa publicación por Biblos.
12.- Os outros catro autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre nun dos establecementos integrados en Pazos de Galicia.
13. A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14. Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16. Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17. Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os cinco finalistas, serán destruídos.
18.- A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explicitamente nelas.
19. Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao fuero propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.


< Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro" >
Xestor da Comunidade Virtual
F I L L O S D E G A L I C I A
~~~~~ http://www.fillos.org ~~~~~~~
Última edição por casdeiro em sábado, 08 nov 2014, 21:13, editado 1 vez no total.

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

I Premio de creación literaria Biblos/Pazos de Galicia para

Mensagempor casdeiro » terça, 04 jan 2005, 17:07

Méndez Ferrín tutelará ao xove escritor que acade o premio Biblos-Pazos de Galicia


O escritor e catedrático de Literatura Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), unha das figuras máis respectadas da cultura galega e que en 1999 foi candidato da Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura, aceptou tutelar a última fase de redacción da novela gañadora do I Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos.

O prazo de presentación de orixinais para este premio, cuxas bases poden ser consultadas na web , remata o vindeiro 15 de marzo. Para entón, os mozos e mozas interesados deberán ter presentada unha memoria sobre o seu proxecto creativo. Dos cinco finalistas que se coñecerán na semana previa ao Día das Letras Galegas, e que xa deberán presentar unha primeira redacción completa da obra, sairá o gañador.

Saberase quen é en xullo e terá ocasión de pasar todo o mes de outubro a traballar na novela no marco dun dos establecementos asociados de Pazos de Galicia, concretamente na Casa Grande do Bachao, a poucos quilómetros de Santiago.

Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo e colaborador de Faro de Vigo, Méndez Ferrín dirixe a revista A Trabe de Ouro. Ademais do seu compromiso histórico co país e de formar parte en Madrid nos anos mozos do grupo literario nazonalista Brais Pinto, da súa importante obra cómpre salientar a edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e, no campo do ensaio, o libro De Pondal a Novoneyra (1984).

Como poeta deuse a coñecer con Voce na néboa (1957), para logo publicar Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977), que acadou o Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) e Estirpe (1994), que foi Premio Losada Diéguez en 1995. Como narrador publicou Percival e outras historias (1958); O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Arnoia, Arnoia (1985); Bretaña Esmeraldina (1987), que foi Premio da Crítica de Galicia en 1988; Arraianos (1991), tamén Premio da Crítica de Galicia, así como Premio Losada Diéguez e Premio da Crítica Española; e No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico.

Ademais da estancia dun mes no establecemento de Pazos de Galicia
--manutención incluída-- e de contar co asesoramento de Méndez Ferrín para a redacción final da novela, este premio destinado a incentivar a
participación dos máis novos na creación literaria en galego ofrece ao
gañador a edición da obra na colección Mandaio de Biblos Clube de
Lectores, un ordenador portátil, unha escultura conmemorativa e unha
edición especial da tradución ao castelán que estará destinada aos
clientes de fóra do devandito grupo hosteleiro.

< Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro" >
Xestor da Comunidade Virtual
F I L L O S D E G A L I C I A
~~~~~ http://www.fillos.org ~~~~~~~


Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 5 visitantes