O que queira ler, que lea!!!

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor cachafeiro » quinta, 07 mai 2009, 21:30

Moitas grazas polas respostas.
Polo que vexo o máis leido é Xosé Neira Vilas co seu "Memorias dun neno labrego", pavada de libro, para ficar horas chorando.

O meu segundo libro, (que o teño ao meu lado, outro agasallo do meu pai) foi "Cousas dá vida I" de Castelao, unha edición moi vella de Editorial Galaxia, impreso en Vigo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo.
Como non podo imprimir os debuxos, estou buscando os que mellor poida explicar e escribir os seus comentarios cheos de humor, emoción e piedade.

Un neno xunto á súa nai que leva un bebé en brazos:
- E papá volverá rico?
-Abonda que veña san, meu fillo.

Unha nena ben arranxada e cun xoguete dille a un rapaciño pobre que está sentado no piso:
-A ti no te pusieron nada los Reyes, porque tu papá es republicano, ¿sabes?

dous rapaces estan falando:
-Ou médico dixo que meu pai ten catarro intestinal.
-E por ónde tose?

Un vendedor de café estalle dando unha cunca a un neno pequeno:

-Mire que teña ben de zucre, que se non zorrégolle unha pedrada.

Dúas mulleres ricachonas falando:
-Ese muchacho dicen que sabe muchísimo.
-Sí; pero tiene un acento tan gallego...

Podería seguir todo o libro.

(se cometín "horrores" ortograficos, pido desculpas.
Sigo aprendendo) ;-)


Alexandra Cachafeiro Camiña

anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor anavilat » quinta, 07 mai 2009, 22:33

Eu como moitos o primero libro que lín en galego foi Memorias dun neno labrego, logo, Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo eran libros que nos mandaban ler na escola cos cales nos identificabamos os rapaces da aldea. Seguiron moitos máis dende poemas de Rosalía, contos de Castelao... estas lecturas eran case obligatorias e todo llo debemos o mestre Don Anxo, un "revolucionario" naquel tempo.
Despois viñeron máis, pero a maioria traduccións o galego como, Os escarabellos voan o atardecer e A filla do espantallo.
Con máis sentidiño e con unhas ideas un poco máis claras recordo ler Sempre en Galiza.
Todos cantos libros lin en galego marcaron un antes e un despois... pero sempre quedara na miña memoria todos aqueles de Neira Vilas, por que reflexaban a miña vida e o meu día a día.
Grazas Alexandra por traerme tan gratos e emotivos recordos.
Saudade a todos.

Avatar do Utilizador
crisanto
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 211
Registado: sexta, 29 fev 2008, 11:11

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor crisanto » sexta, 08 mai 2009, 09:19

Moitas grazas polas respostas.
Polo que vexo o máis leido é Xosé Neira Vilas co seu "Memorias dun neno labrego", pavada de libro, para ficar horas chorando.

O meu segundo libro, (que o teño ao meu lado, outro agasallo do meu pai) foi "Cousas dá vida I" de Castelao, unha edición moi vella de Editorial Galaxia, impreso en Vigo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo.
Como non podo imprimir os debuxos, estou buscando os que mellor poida explicar e escribir os seus comentarios cheos de humor, emoción e piedade


Ola Alexandra:
A cousa vai moi ben, quitando leido (mellor: lido) e pavada (mellor: pasada) que supoño que é arxentino o resto está sen erros, moi ben. Ánimo e sigue adiante.

Avatar do Utilizador
coordfillos
Mensagens: 115
Registado: terça, 24 mar 2009, 17:12

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor coordfillos » sexta, 08 mai 2009, 15:28

anímovos a todos os fans de Neira Vilas (entre os que me encontro e máis despois de ter a sorte de o coñecer en persoa!) a que busquedes o seu nome na caixiña de buscas do portal (esa que está á dereita da pestana que di "o porto" aí arriba de todo) ...Que por certo, parece que moi poucos usades... vou ver de facer algo ao respecto para que se vexa mellor o que é...

Avatar do Utilizador
coordfillos
Mensagens: 115
Registado: terça, 24 mar 2009, 17:12

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor coordfillos » sexta, 08 mai 2009, 15:32

cachafeiro Escribeu:O meu segundo libro, (que o teño ao meu lado, outro agasallo do meu pai) foi "Cousas dá vida I" de Castelao, unha edición moi vella de Editorial Galaxia, impreso en Vigo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo.
Como non podo imprimir os debuxos, estou buscando os que mellor poida explicar e escribir os seus comentarios cheos de humor, emoción e piedade.

Seica non coñeces ?

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor cachafeiro » sexta, 08 mai 2009, 17:32

amigo coordfillos:

Se, home, claro que a vin, pero ao que me refería é que non sei pegar os debuxos do meu libro no fío.
saúdos.

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor cachafeiro » sábado, 09 mai 2009, 20:42

O ciclón

(Texto íntegro)



Ti naciches moito despois, pero terás oído falar do ciclón do ano vinteseis, o máis fero que recorda a Habana, segundo contan os vellos máis vellos. Eu vivino hora por hora e case me fai recachar a mazaroca, como lles aconteceu ós meus compañeiros de tripulación.
Aquelo foi unha desfeita. Voaban tellados, letreiros, árbores polo pé, chemineas, vigas, campanarios. E a zarracina de auga inundou vivendas a eito, encheu rúas e parques, e na riada ían e viñan mobles, roupas e cadáveres dos afogados. Afundiuse o iate presidencial e dous barcos de guerra; o central azucreiro Toledo derrubouse con toda a maquinaria; esbargallouse a estación do ferrocarril, e caiu coma un palloco a figura lanzal de Giraldilla, que coroaba a fortaleza real dende había máis de trescentos anos.
Todo empezou cun balbordo teimoso e estarrecedor que encheu a cidade. O frade astrónomo do colexio de Belén avisou da catástrofe que se aveciñaba. O que vivían en lugares baixos ou en casas algo febles pecharon as portas e foron pasar o ciclón con parentes ou amigos que moraban entre paredes seguras. As ferreterías enchéronse de xentes que a toda présa mercaban cravos para reforzar portas e xanelas, ó tempo que arramplaban co que ía quedando nas tendas de víveres.
Coma tantos, vivín eses días con moito grimo. Cando todo pasou fun sabendo... Oito paisanos morreron esmagados polo teito dun galpón portuario no que se cobexaran; un mariñeiro de Caamouco salvouse collido dunha táboa que o sostivo varias horas; outro, de Laxe, agatuñou polo pau maior dun viveiro para pasar a outro barco e perdeu a vida no intento. E logo o caso daquel barco fóra de uso, sen áncora e coa proa embicada nunha beira, convertido en cárcere a onde ían dar os estranxeiros condenados a deportación. Había nel un fato de putas francesas, que berraban na cuberta cando o calimbornio deu en moverse descontrolado, batendo aquí e alá e afundindo pesqueiros e homes. Tal foi a sorte negra do Cerdido e doutros. Voucho contando polo atallo, pois moitas máis foron as desgracias.
Podo contalo porque o destino quixo que vivise e que me atope agora aquí, vello e xubilado, de palique contigo nesta praza de tantos recordos, de tantas conversas mariñeiras, de tantas historias de loitas e de naufraios, de esperanzas e derrotas. E inda non che contei de min. Aínda non che dixen como salvei da traxedia naquel malfadado outubro do vinteseis.
Eu era pescador no Coruña. Chegaramos de Campeche na véspera, cunha boa marea de cherna. Eramos doce, co patrón. Todos estabamos a bordo, co barco amarrado na badía. A proximidade do furacán era noticia que rolaba de boca a orella e sentíase na calma chicha que viña do sur, do Caribe, e cubríanos a manta dun nubeiro mesto, sen cabo, e oiamos coma un balbor tremante. Pero rosmábase que o ciclón tardaría en chegar; que inda estaba lonxe. E por eso falei cos compañeiros e díxenlles que os deixaba por dúas ou tres horas para ir ó teatro Alhambra, onde viñan poñendo La isla de las cotorras. Nada apuxeron. E funme. E vin a obra. Ai, pero cando voltei xa non puden nin achegarme á Avenida do Porto. Entrara o ciclón e aquelo era un mundo de auga e vento. A xente berraba, e grupos de voluntarios, atados uns ós outros con cordas, axudaban o que podían. Agarreime coas dúas mans a unhas reixas do Club Marino e estiven varias horas enchoupado e aterecido, procurando que non me levase o vento. Recordo unha árbore arrincada polo pé, que case me esmaga, e un balcón que me caiu á beira, e o enorme letreiro de chapa que viña voando e que logrei esquivar. Cando aquelo foi pasando deixeime caír nunha poza de auga suxa. Estaba desfeito.
Souben logo o peor: o Coruña afundírase e afogaran os meus once compañeiros. Chorei moito. Chorei sobre todo por Pepiño, o rapaz de trece anos que saíra ó mar por primeira vez, despois que eu falara coa nai para que o deixase vir. Teño coma un anoto que me atafega; doime esta sobrevida, este sentirme orfo de compañeiros. Eran todos de Redes, e cando a noticia chegou alá tocaron a morto as campás durante cinco días.

Xosé Neira Vilas

sromero
Mensagens: 135
Registado: quarta, 24 jul 2002, 23:00

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor sromero » quarta, 13 mai 2009, 14:47

O meu primeiro libro foi un de Rosalia de Castro que levou a miña nai cando emigrou. Ela tiña 9 anos, asi que é probable que fose da miña avoa. Non recordo que sentin. Ese libro estaba en casa, e desde moi moza devoraba todo libro que chegaba ás miñas mans. Ese dábame mais traballo por estar escrito en galego, pero ía lendo poemas salteados.
O meu favorito era:

Unha vez tiven un cravo
cravado non corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que en día e noite sen cesar choraba
cal chorou Madanela na paixón.
«Señor, que todo ou podedes,
-pedinlle unha vez a Deus-
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición».
E doumo Deus e arrinqueino,
mais... quen pensase...? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen que era delor;
soupen só que non sei que me faltaba
onde ou cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... Bon Deus!
Este barro mortal que envolve ou esprito
quen ou entenderá, Señor...!

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor cachafeiro » quarta, 13 mai 2009, 17:41

estimada sromero:

Que fermoso poema, ese xúroche que non o coñecía.
Moitas grazas por compartilo!!!!

Una grande aperta.


Alexandra (!)

gallaecia
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 28
Registado: segunda, 15 dez 2003, 00:00

O que queira ler, que lea!!!

Mensagempor gallaecia » domingo, 17 mai 2009, 15:55

este é un poema maravilloso de Rosalía, dos que mandaban ler na miña época de estudante de E.X.B.
desexaría que non se quitaran eses bos costumes na actualidade.


Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante