Neira Vilas

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

Neira Vilas

Mensagempor casdeiro » quinta, 16 ago 2007, 19:26

Como xa sabedes, tiven hai pouco a imensa sorte de coñecer a este mito vivinte da nosa literatura e da nosa literatura feita na diáspora, subliñaría eu! Un dos mellores expoñentes de que a cultura galega tamén se crea fóra da Galiza teritorial.

E un escritor cun dominio da lingua galega, ao tempo culta e enxebre, que ademais por cercanía coa zona dos meus pais, me resulta moi familiar, que moitas veces non achamos no dicionario (merecería un post aparte falar do galego de Neira Vilas...), e un xeito duro pero tenro de narrar a experiencia aldeá e migratoria, tanto na súa visión de neno (Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo...) como de adultos (Historias de Emigrantes, Remuíño de Sombras...).

Este verán, aproveitando que ía coñecelo en persoa, relín as súas dúas únicas que posuía e lera anteriormente: Memorias dun neno labrego e Historias de Emigrantes.

Pero fíxenme con varias outras, de diversa temática e xénero: Cartas a Lelo (unha especie de continuación ou complemento das Memorias), Guerrilleiros (unha obra case xornalística e histórica de repaso á vida de varios fuxidos anti-franquistas que remataron en Cuba), e Remuíño de Sombras (unha sorte de collage feito con relatos entremesturados, a base de fragmentos, un xeito moi moderno de narrar e de facer unha grande obra sobre a emigración en todas as facetas posibles, dos galegos en Arxentina; unha obra que todo fillo ou neto de galego daquelas terras debería ler).

Gostaríame intercambiar opinións sobre todas estas obras, ou sobre a obra en xeral de Xosé Neira Vilas, que como din no prefacio dalgunha destas obras, é toda unha gran novela biográfica colectiva sobre a nosa emigración, desde as aldeas da Galiza máis famenta ás máis duras rúas de Bos Aires.

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

Neira Vilas

Mensagempor casdeiro » quinta, 16 ago 2007, 19:28

E por certo, anotei unha chea de expresións e refráns nesta última obra que veño de devorar en 2 días, Remuíño de sombras, que hei para nutrir así cuns anaquiños desta fermosísima lingua que nos trasmite Neira Vilas, o noso portal.


Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 4 visitantes