O Ómphalos do Monte do Seixo - CERDEDO

A conservación do medio natural galego e os seus recursos, catástrofes ecolóxicas, perigos, etc.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

O Ómphalos do Monte do Seixo - CERDEDO

Mensagempor cachafeiro » sexta, 20 nov 2009, 14:39

O Ómphalos do Monte do Seixo
O santuario a ceo aberto é o espazo cultural, e por tanto ritual, por excelencia dentro do mundo celta. Espazo que as fontes clásicas definen cos nomes de Locus Consecratus o Hieron. O poeta clásico Marco Anneo Lucano, ó falar destes pobos, sinala a ausencia de templos propiamente ditos nos que celebra-los seus ritos. Os seus lugares sagrados estaban relacionados cos elementos naturais, a auga, a terra, o bosque ou o ceo. Un destes santuarios celtas máis mencionados nos textos clásicos sería o Nemeton. Trátase fundamentalmente dun claro no bosque, é o centro onde tiña lugar a comuñón entre terra e ceo. Noutras ocasións, dito santuario sitúase nunha illa en medio do mar ou ben no cumio dunha montaña, como é o caso que nos ocupa. Os santuarios a ceo aberto teñen o valor simbólico do centro, de ónfalo, é onde ten lugar a comuñón entre o mundo dos deuses o mundo dos homes. A concepción de equilibrio e harmonía do país exprésase xeograficamente pola reunión dos caracteres sagrados nun territorio central e temporalmente por un soberano ideal, histórico ou mítico. Cando ambos caracteres de tempo e espazo coinciden plásmase a concepción cósmica de realeza.
O territorio debe ter un mediolanium, que expresa a idea céltica de santuario central, de centro da chaira que ten o sentido onfálico de lugar de fundación. O centro mítico de Irlanda era o Outeiro de Tara, Midhe (medio) onfálico das catro provincias, outeiro onde reina, teoricamente, o Ard Rí, rei supremo de Irlanda, e onde teñen lugar as grandes reunións políticas. O oenach é o centro de perfección, define unha zona que agrupa a un populi, ou conxunto de castros relacionados entre si, fronte ó caos exterior. Nos santuarios defínese o espazo sagrado respecto ó profano. Existe un terreo circunscrito de culto.
Pero se este espazo relixioso é sagrado, o centro del aínda o é máis e acudir alí é entrar en contacto, toca-lo sagrado. De aí o valor iniciático de acceder a el que ven supo-lo tránsito do profano ó sagrado. En palabras de Rosa Brañas:
Omphalos é o termo relixioso grego que designa o “umbilicus mundi”, é dicir, o lugar no que, por analoxía co embigo, se produce a comunicación entre o “mundo de dentro” e o “mundo de fóra”. Neste punto, sinalado sempre cunha pedra xeralmente ovoide ou unha pena, prodúcese a conxunción cósmica da Terra, na que se afunde a pedra, e o Ceo, cara ao que se eleva a súa parte visible.
A terra do oenach considérase sagrada polo que adoita ter incluso virtudes extraordinarias. Na mitoloxía do Seixo atopamos dous exemplos deste carácter especial da terra do santuario. Por unha banda, os lodos de Brañas Rubias, no Monte do Seixo, son curativos. De sufrir a acción do aire de bicho pezoñento cómpre aplicar sobre a pel as lamas de Brañas rubias mesturadas coa borralla do lume novo de San Xoán. Por outra banda, as xentes dicían que escoitar misa dende a Ventá do Areal —penedo bufardado da faldra de poñente do Seixo— tiña o mesmo valor que escoitala sobre chan sagrado, na igrexa.
A dualidade da árbore sagrada e a pedra aparece en tódalas culturas. Eliade di que a árbore marca o centro, un punto sagrado que ademais sóese sinalar cun betilo, un menhir ou calquera outra pedra ergueita. A pedra expresaba a duración e inmortalidade da vida e do coñecemento. É o Axis mundi. A árbore cósmica representada como un carballo ou un simple betilo, pilar ou columna que sostén o mundo. O centro materializase as veces cunha pedra central, ó que se chega seguindo un camiño que non é deste mundo, que non pertence a realidade exterior. O camiño que leva ó centro, ata onde se atopa o carballo sagrado ou a pedra sagrada é moito máis ancho e difícil do que se pode un imaxinar pois é principalmente un camiño interior que nos fai transcende-lo humano e acceder ó divino.
Ó pé de Portalén, onde o Marco do Vento érguese impoñente sobre a xeografía sagrada, converxen o camiño de Doade, que cruzando o monte de este a oeste vén dende a aldea de Caroi (Cotobade) cara a aldea de Doade (Beariz) e o camiño de Coto, que atravesa de norte a sur o lombo do monte do Seixo.
As extremas dos montes veciñais, os límites entre os montes comunais de distintas ferigresías transcorren entre antigas cruces insculpidas nas rochas e marcos de pedra, e basculan sobre divisorias de auga. Pero en diferentes momentos da historia estes límites intérnanse nas inmediacións dalgún lugar de interese para unha comunidade, ben económico, ben ritual —unha canteira, un rochedo, un santuario rupestre— converténdose en motivo de discordia, preito e enfrontamento entre comunidades parroquiais. Eses límites antinaturais amosan, nestes segundos casos, o intento dunha comunidade por apropiarse de parte do espazo sagrado, do lugar de rito, do santuario. E iso é o que se percibe no monte do Seixo cando se revisan os litixios ocorridos entre as comunidades, e cando se analizan os límites dos distintos concellos para ver como todos eles converxen no alto da montaña nas proximidades do Marco do vento e de Potalén, desviándose así dos límites naturais para achegarse o ómphalo sagrado da montaña. Neste punto da montaña converxía, hoxe lixeiramente desprazados tras anos de preito, as fronteiras dos catro concellos que comparten as terras do Seixo. Este é o espazo sagrado que a toponimia nos desvela baixo o nome de Feira Vella, reminiscencia da antiga celebración asemblearia. Espazo que, baixo o influxo da Cruz do Seixo, atopamos delimitado polos amilladoiros do camiño de Doade, polo marco da Fonte da Cruz, polo marco do vento ó carón do regueiro da Anta e polo conxunto megalítico de Portalén. O Monte do Seixo sería o mediolanum da antiga Terra de Montes e este punto de converxencia de camiños, fronteiras e monumentos é o verdadeiro ónfalo da montaña, o centro sagrado onde converxen as fronteiras, as ancestrais rotas e os monumentos máis significativos da montaña. O centro onde se ergue a árbore cósmica representada polo Marco do vento, o Axis Mundi e a pedra da tribo. Rematamos cunha cita do historiador Antonio Balboa Salgado ó repecto de como definir un santuario:
[…] lugares centrais, son unha especie de omphalos, de embigo, ou tamén unha sorte de axis mundi, un eixe do mundo. A particularidade de tales sitios privilexiados reside no feito de que alí resulta posible a comunicación entre homes e deuses.”
Rafael Quintía
http://montedoseixo.wordpress.com/
Alexandra Cachafeiro Camiña

Voltar para “Ecoloxía en Galicia”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 5 visitantes