A garda civil en defensa da ilegalidade

A conservación do medio natural galego e os seus recursos, catástrofes ecolóxicas, perigos, etc.
Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

A garda civil en defensa da ilegalidade

Mensagempor casdeiro » segunda, 20 jul 2009, 19:19

Copio comunicado recén recibido no meu correo:

Galiza Non Se Vende. 20 de xulho 2009. Cangas



BRUTAL INTERVENCIÓN DA GARDA CIVIL EN CANGAS - MASSÓ



DEZASEIS PERSOAS DETIDAS

Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinguiuse de violencia e represión, pero desta vez rebasou tódolos límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociaise e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impedir as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil.

A rede Galiza Non Se Vende amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental, en vez de protexer e tutelar o interés xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos? Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enormes magnitudes. Baste dicir, por mor da brevedade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio publico maritimo terrestre.

Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licencias foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varios resultaron feridos. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran as protestas e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.



Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun porrazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados ate os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuso a unánime repulsa e a enérxica protesta dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.



Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar das protestas. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordeou a paralización de toda maniobra da maquinaria pesada.



Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servicio de proxectos privados, a defensa de Massó ?convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra? seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

Desde hai catro anos a Confrarìa de Pescadores ?San José? de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesiòn estatal que esta confrarìa ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralizaciòn cautelar das obras, denegaciòn que foi recorrida polo pòsito cangués hai xa tres anos ante o Tribunal Supremo. Ambolosdous contenciosos durmen nalgunha estanterìa de tan altos tribunais. En cambio, os xulgados son ràpidos à hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.

SUBDELEGADO DO GOBERNO? ¿OU GOBERNADOR CIVIL? DESTITUCIÓN

A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilizaciòn da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, e ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÒN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÌN ALVAREZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de ?Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento?

A rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

A garda civil en defensa da ilegalidade

Mensagempor casdeiro » segunda, 20 jul 2009, 19:23

Copio máis información recibida por medio de listas de correo:

ACCIONS DA GARDA CIVIL EN MASSÓ hoxe:


* Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras e negarse a retiralo (sobre as nove da mañán).
* Sangabriel, do Foro Social, agredido cun porrazo na boca (sobre as nove).
* Edi, de Bouzas Móvete, recibiu un intento de agresión (agarrón polo colo) por parte dun camioneiro (sobre as nove)
* Sabela, de Verdegaia, agredida e tirada ao chan para identificala (sobre as nove) e posteriormente detida (sobre as doce).
* Un membro do Foro Social de Cangas recibiu unha patada nunha perna recentemente operada. Os compañeiros tiveron que chamar unha ambulancia (sobre as doce).
* Marichu Álvarez, de ACE, detida.


No momento de escribir isto chegara un furgón grande coa evidente función de levar detidos a todos os presentes. Estou tentando falar con Edi (non responde) e con Roi (de Verdeagia), que quedara á marxe, grabando e como enlace (comunica).

pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

A garda civil en defensa da ilegalidade

Mensagempor pilarmabel » terça, 21 jul 2009, 14:02

Xullo 20th, 2009

GNSV pide a demisión do subdelegado do goberno Delfín Álvarez e a liberdade inmediata de todos os detidos

Esta mañá efectivos da Garda Civil detiveron a 16 activistas pertencentes á rede Galiza Non Se Vende cando se atopaban nas inmediacións das obras que se están a desenvolver na antiga fábrica de Massó. Algúns deles foron golpeados polas forzas da orde e posteriormente trasaladados a dependencias policiais.

Hai escasos días o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel apoiaba en Cangas a loita dos nosos compañeiros e denunciaba o papel do gran capital en conflitos como o que está a acontecer en Cangas ?porque moitas veces priviléxiase ao capital financeiro sobre a vida do pobo?. En opinión do Premio Nóbel ?Estamos nun pequeno planeta, a nosa única casa?, dixo para argumentar a defensa do medio ambiente mundial. ?Aquí non hai fronteiras para apoiar as causas xustas?, engadiu. Anunciou a posible creación dun tribunal penal internacional para xulgar os delitos ambientais e requiriu o respecto aos dereitos dos pobos ? facendo unha mención expresa aos mariñeiros da ría de Vigo.

Con esta xa son varias as veces que a Delegación do Goberno opta por reprimir un dereito básico como é o dos ecoloxistas a opoñerse a unhas obras que implican un grave atentado medioambiental e lesionan aos intereses económicos de milleiros de persoas que viven do marisqueo. Hai un mes máis de mil persoas manifestáronse en contra deste proxecto polas rúas de Cangas, unha demanda que o goberno non só desatende senón que manda reprimir brutalmente


Fuente:http://galizanonsevende.org


Pilar

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

A garda civil en defensa da ilegalidade

Mensagempor casdeiro » quarta, 12 ago 2009, 07:54

Columna do Beiras aparecida en Galicia Hoxe.

de catro a catro

"Massó", os desalmados e a resistencia

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Foi este primeiro sábado de agosto, á tardiña. Descéramos en auto polo mapa da Galiza abaixo, dende o Brión da Maía ao Cangas do Morrazo, o Cangas tamén da "María Soliña" que cantaran os mozos das "Voces Ceibes" hai ben anos xa, no tempo das loitas contra o fascismo opusdeísta español imperante no tardo-franquismo. Foramos agora convocados polos mariñeiros e aqueloutras xentes de ben do común que non aturan pasivamente falcatruadas do poder nen renuncian á resistencia. Sí, á resistencia cívica, ou sexa, a exerceren activamente como cidadáns a cotío e mobilizárense en defensa dos dereitos fronte ao poder cada vez que o poder esmaga os seus dereitos, en defensa da xustiza fronte á lei cada vez que a lei prostitue á xustiza. Porque nésas estamos, infelizmente. Un sistema depredador insaciábel que devora seres humáns e natureza para alimentarse, medrar e reproducirse a sí mesmo, como unha enorme planta carnívora que só ten vida vexetativa, mais nútrese de sustancia humán. Que cousifica tódolos valores enxendrados polas culturas dos povos para reducilos a un só, aquil que se cotiza nos desalmados mercados financeiros. Que instrumentaliza a lei e o dereito para pólos ao servizo da sua voracidade no canto de serviren para regular a vida social conforme a principios de xustiza e ben do común. Que, dende a sombra de despachos inaccesíbeis a ese común, dicta as suas ordes aos inquilinos das institucións dun irrisorio poder político, e os chantaxea e defenestra sen escrúpulo ningún no caso infrecuente de non obedecérenas. Que narcotiza todo canto pode as conciencias con toda caste de estupefacientes químicos e ideolóxicos para alienalas e escravizalas, para reducir aos seres humáns á condición de servos non-pensantes, de canciños-de-paulov movidos por instintos primarios e reflexos condicionados sempre ás ordes do seu amo, mesmo para que, chegado o caso -e adoita chegar a miudo- se devoren uns aos outros no canto de unírense para aniquilalo e liberárense desa tiranía. Mais, no entanto, hainos aínda que din non -"diguem no", cantaba o valencián Raimon ao unísono coas Voces Ceibes galegas- hainos aínda que se alistan na resistencia, hainos agora no Morrazo que aínda non esqueceron a María Soliña. Onda eses resistentes con memoria e dignidade fomos este primeiro sábado de agosto, na tardiña, pra defendermos o patrimonio natural fronte aos depredadores, os dereitos e a xustiza populares contra os ocultos xerarcas desalmados dun desalmado poder.
O caso é Massó. Si, desta vez, o caso chámase Massó. A factoría que fora buque insignia da industria conserveira galega, deserta agora, alí está aínda. Millor debera dicir que alí xacen os seus restos, no Salgueirón, pasado o porto de Cangas pola beiramar cara a fóra.. Alí xacen os despoxos, o esquelete da fábrica -inconfundíbel alzado de arquiteitura industrial modernista- os peiraos de atraque da frota que en tempos fora propria, os galpóns de reparación dos pesqueiros, o edificio da administración, as casas dos empregados principais, até unha colección de enormes e enferruxadas "portas" dos aparellos de arrastre arrimadas aos muros de contención como dislocadas instalacións de "arte póvera". E a natureza tamén, ao pé do malecón da fábrica, os rochedos e coídos que se prolongan alén dela deica a restinga da Punta Balea e son viveiro natural de marisco e peixes das pedras, e da banda de terra firme, a enorme e ramallosa finca do Salgueirón que debera xa ser parque público natural da vila de Cangas para disfroite dos seus cidadáns.

Esa fábrica de Massó en Cangas, o mesmo cá de Bueu, morreu vítima, conxunta e combinadamente, da incuria empresarial, a inepcia política e... o Mercado Común Europeo -"ruina do povo galego", lembrádesvos?. Ás dinastías das grandes familias conserveiras do XIX- XX galego pasoulles como á dos Austrias do XVI-XVII español: un proceso dexenerativo que rematou na sua extinción. Só que extinción biolóxica no segundo caso, e extinción só empresarial no primeiro. Massó, como Curbera, Alfageme e tantos outros, son apelidos en orixe cataláns afincados na Galiza dende hai ben tempo. Uns xa coa primeira fornada, a dos famosos "fomentadores" no salgado, no XVIII, os que chegaran cando a economía catalá estaba en crise e a galega frolecía, cando Galiza tiña unha densidade de poboación dobre que a de Catalunya. Viñeran e mudaran as técnicas do salgado. E as artes de pesca: o noso ilustrado Cornide pleiteara con iles en defensa dos mariñeiros indíxenas, por introduciren os cataláns a xábega, máis depredadora, en detrimento do xeito, máis ecolóxica -diríase hoxe. Mais non só polo "xeito" de pescar: tamén polo xeito en que os esplotaban. Outros, cando o salto do salgado á conserva, ben andado o XIX. En Vigo, instaláranse maiormente no Areal da Barxa, que por iso foi alcumado popularmente como Areal dos Cataláns. Industria tecnolóxicamente punteira no seu tempo, fosen cataláns ou galegos os empresarios, a conserva foi un dos tres pés da trepia do noso complexo mar-industrial. Mais, no período do franquismo, mudou a sua traxectoria, os máis clásicos adurmiñaronse, afixéronse ao gasto suntuario desmedido, deixaron de innovar, pasaron empresarialmente de conserveiros a conservadores, deviñeron obsoletos. As condicións da adesión española ao MCE deulles a puntilla: unha "reconversión" forzosa remudou o empresariado conserveiro. Nela sucumbíu Massó.

Entramentras, os homes e mulleres da Galiza mariñeira foran os protagonistas sufridores desa historia, dende a época do salgado á da conserva. En tódalas fases de proceso, tanto as de ascenso e apoxeo canto as de crise e depresión, foron iles e máis elas a quen lles tocou estar sempre ás duras e cáseque nunca ás maduras. Aos mariñeiros, como fornecedores da materia prima, estaren a expensas das condicións e prezos xeralmente controlados polas industrias transformadoras. A elas, como traballadoras en condicións sociais, laborais e salariais xeralmente precarias e a miudo infames, en ocasións con "dereito de pernada" incluído, e até tempos ben recentes: non esquezo, sendo eu xa deputado, aquil enxendro de figura laboral das chamadas "fixas discontínuas", nen tampouco o correlativo rexime de seguridade social -que até resulta escandaloso denominalo dese xeito. E logo, uns e outras, cando comeza a crise definitiva do sector, por riba simultáneamente coa crise e progresiva mutilación da pesca de altura, da de baixura e máis do marisqueo, foron as auténticas vítimas do desastre: os donos das empresas tiñan o patrimonio inmobiliario, que nunca, que eu saiba, lles foi expropriado; en troques, mariñeiros, traballadoras e mariscadoras non tiñan outro patrimonio que a sua forza de traballo, ésa sí "expropiada" por despidos, peches de factorías, perda de caladoiros e, para remate, invasión de franxas costeiras sucesivas con recheos, portos deportivos e misereredómines. Así ocurríu con Massó en Cangas -faltaba máis.

Nos últimos decenios, coa prolongada recesión e intermitente crise da economía produtiva, a resurreición do "rentista" ao que Keynes tentara facerlle a sua famosa "eutanasia", e o ascenso do capital financeiro á hexemonía sobre o capital industrial, as operacións especulativas desprazaron progresivamente aos investimentos produtivos, a economía das "burbullas" sustituíu á economía real: a "burbulla" da promoción e a construción, ou sexa, en prata, a especulación co solo, coa edificación e coa "urbanización" (?) convirtiuse no primordial e mesmo cáse único motor da irracional dinámica do "capitalismo do desastre" -así bautismado por Naomi Klein- nas nosas latitudes. Unha irracionalidade delirante que rebentou na actual crise. Nese contexto, a fábrica de Massó no centro de Bueu convirtiuse nun solar "produtor" de multimillonarias plusvalías especulativas, e a de Cangas, coa imensa finca do Salgueirón, encetou o mesmo roteiro. Só a activa determinación dos cidadáns exercentes como tais impedíu até agora o expólio dese ben común da cidadanía, a agresión aos ecosistemas do litoral que implica, e a desposesión de máis outro espazo natural de traballo e meios de vida de mariñeiros e mariscador@s que esa aduanada especulativa leva aparellada. Mais a cobiza depredadora e especuladora dun poder desalmado non atende a razóns nen respeita valores ningúns, nen naturais nen sociais, nen ambientais nen culturais. Pouco importa que fose precisamente esa pauta de conduta a que provocou a actual crise: a ese poder tanto lle ten, sabe que os governos que il controla ou chantaxea volverán botarlle a il o salvavidas mentras os cidadáns afogan no naufraxio. Un poder que anda a destruir os ecosistemas do planeta enteiro, e a diezmar con fame, guerra e pestes a humanidade, un poder que non quer saber de dereitos humáns nen da natureza, un poder que non vacila en praticar o xenocidio e o etnocidio cando lle compre, non vai reparar mentes nun minúsculo destrago nunha minúscula ría para un minúsculo ecosistema que, a maior abondamento, só vai padecelo un minúsculo fato de minúsculos cidadáns reducidos a inda máis minúsculos súbditos da liliputiense autonomía galega, hoxe racista, xenófoba e ecocida.

Só a rebelión dos cidadáns unidos pode impedilo, dos cidadáns exercentes que dicimos non a esa nova metamorfose da tiranía legalizada, que praticamos a resistencia a tódolos seus desmáns. Ou sexa, que exercemos a democracia: "en cada esquina un amigo, en cada rostro a igualdade" -que cantara o Zeca Afonso. Xa.


Voltar para “Ecoloxía en Galicia”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante