A PermaCultura como proposta para a sustentabilidade

A conservación do medio natural galego e os seus recursos, catástrofes ecolóxicas, perigos, etc.
antoniogaliza
Mensagens: 4
Registado: segunda, 16 mar 2009, 00:27

A PermaCultura como proposta para a sustentabilidade

Mensagempor antoniogaliza » segunda, 13 jul 2009, 20:15

Suplemento Altermundo - GALICIA HOXE (26.08.2007)
http://www.elcorreogallego.es/indexSupl ... ia=201675+


IMITANDO Á NATUREZA PARA VIVIR CON ELA. Por Antonio Palma.

A opción da PermaCultura como proposta real para alcanzar un novo modelo social, verdadeiramente xusto e sustentábel.
A Permacultura está moi influenciada polos coñecementos adquiridos polos pobos orixinarios de todo o planeta.

Xa hai máis de 30 anos que os australianos Bill Mollison e David Holmgren cuñaron o concepto de PermaCultura como unha ciencia de deseño ecolóxico para crear sistemas eficientes, produtivos e auto-sostíbeis, que sirvan a comunidades humanas e evolucionen cara unha relación dinámica e rexenerativa co entorno. A PermaCultura trata logo de valores éticos e visións, deseños e sistemas de manexo baseados nun entendemento holístico, especialmente no noso coñecemento e sabedoría bio-rexional e psicolóxico-social.

A PermaCultura reflicte a evolución continua dos nosos sistemas de pensamento, que están hogano influenciados polos retos das persoas interesadas na ética científica, no pensamento holístico, no sentido de lugar, tradición e cultura, na sustentabilidade, no comunalismo, na espiritualidade e nos sistemas de coñecemento e cosmoloxía dos pobos orixinarios. A proposta espállase daquela moito máis lonxe de só sistemas de produción de alimentos e da restauración da natureza. Formúlase como unha alternativa real fronte aos retos ambientais dos vindeiros anos e as esixencias da globalización económica.

Hai máis que unha minoría de persoas e grupos que senten con firmeza que está preparado o escenario para establecer a diferencia coa proposta da PermaCultura como alternativa. Neste momento existe unha base práctica duramente lograda en moitos países do mundo, amosando experiencias contrastadas de proxectos desenvolvidos, contidos formativos e educativos sólidos establecidos a nivel global e propostas de formulación de plans de axuda ao desenvolvemento baseados en criterios éticos e ecolóxicos. Pártese logo dunha posición única para se mover cara o centro do escenario e asumir a autoridade baseada no mérito das habilidades comprobadas.

Segundo David Suzuki, profesor de Xenética da Universidade de British Columbia e gañador do Premio Kalinga para a Ciencia da UNESCO: "O que @s permacultor@s están a facer é a actividade máis importante que ningún grupo estea a facer no planeta. Non sabemos cales van a ser os detalles dun futuro realmente sostíbel, pero necesitamos opcións, necesitamos persoas experimentando todos os tipos de formas, e @s permacultor@s son un dos grupos cruciais que o están a facer.

No noso país, a PermaCultura está a piques de se presentar. Durante o primeiro semestre deste ano realizouse o primeiro Curso de Certificado de Deseño en PermaCultura. A finca ecolóxica Tanquián, en Pantón (Lugo), foi un magnifico marco no 2007, para acoller a formación de novas axentes comprometidas co cambio real na nosa terra. Galiza amósase como un territorio privilexiado para o desenvolvemento de proxectos deste tipo e todas as iniciativas de recuperación do territorio e de establecemento de proxectos sostíbeis, conflúen nestes momentos coa proposta sólida da PermaCultura. As sementes xa están na leira, necesitamos máis, necesitamos que medren e ofrezan froitos de esperanza e sostibilidade. Galiza merece unha oportunidade que lle devolva a identidade e que reflicta axeitadamente o seu enorme valor histórico, cultural e ecolóxico.

Está a acontecer un cambio profundo nas estruturas de pensamento e xestión da realidade que coñecemos e que damos por feita, sólida e apoiada cientificamente. Que non o queira ver está fóra do tempo e da realidade. Ofrécese un cambio real, pero ten que ser no interior das persoas, das comunidades, dos pobos, das nacións? As excluídas desta historia son sempre as mesmas, o propio Planeta Gaia e a raza humana, que non deixa ver que é a única capaz de reconducir o seu destino cara unha sociedade sostíbel e comprometida co seu futuro.

+INFO: permaculturagaliza@yahoo.es
Http://permaculturagaliza.pbworks.com
http://tech.groups.yahoo.com/group/permaculturagaliza/
--------------------------------------------------------------------

A PERMACULTURA SEGUNDO DAVID HOLMGREN

Para a PermaCultura son fundamentais as persoas, a vivenda e a comunidade. Por isto na visión da PermaCultura, tense evolucionado dunha agricultura ?sostíbel? permanente cara unha cultura ?sostíbel? permanente.
Para a PermaCultura son fundamentais as persoas, a vivenda e a comunidade. Por isto na visión da PermaCultura, tense evolucionado dunha agricultura ?sostíbel? permanente cara unha cultura ?sostíbel? permanente.

Máis precisamente, a PermaCultura é un "sistema de deseño baseado nos principios da ecoloxía" que proporciona o marco organizativo para realizar a visión antes descrita. Neste importante pero máis limitado sentido, reúne as distintas habilidades e formas de vivir que necesitan ser re-descubertas e desenvolvidas para que podamos nos transformar de consumidores dependentes a produtores responsábeis. A PermaCultura non é o territorio, nin as habilidades en horticultura ecolóxica, os edificios enerxeticamente eficientes ou o desenvolvemento de Ecoaldeas como tales; pero podese usar para deseñar, establecer, xestionar e mellorar estes e todos os demais esforzos realizados por persoas, familias e comunidades cara unha nova sociedade nun futuro sostíbel.

A PermaCultura é tamén unha rede mundial e un movemento de grupos e persoas que traballan en países ricos e pobres de todos os continentes, que están a reorganizar as súas vidas e os seus traballos ao redor dos principios de deseño da PermaCultura, na maior parte sen soporte algún de parte de gobernos ou empresas. Deste xeito, estanse a crear pequenos cambios locais que están a afectar directa e indirectamente nas actuacións no medio ambiente en xeral, na procura dunha tecnoloxía máis axeitada, na creación de comunidades, no deseño de economías sostíbeis e noutros movementos sociais.

[Tirado de Permaculture: principles and pathways beyond sustainability. Holmgren Design Press, 2003]

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

A PermaCultura como proposta para a sustentabilidade

Mensagempor casdeiro » segunda, 20 jul 2009, 19:20

Grazas polo artigo, Antonio. Espero que cada día sexamos máis os interesados e practicantes deste método ao tempo científico e ao tempo escrupulosamente respectuoso coa natureza. Vainos o futuro da nosa Terra nisto!


Voltar para “Ecoloxía en Galicia”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 3 visitantes