\"Co galego tamén se liga\" (din que os nenos e os tolos non menten)

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

\"Co galego tamén se liga\" (din que os nenos e os tolos non menten)

Mensagempor cachafeiro » terça, 04 mai 2010, 14:20

\"Co galego tamén se liga\"
Máis de 4.000 estudantes percorreron onte as rúas de Compostela para rexeitar os \"ataques e desprestixios\" ó idioma, afirmou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao
Unha marea de máis de 4.000 estudantes percorreu onte as rúas de Compostela para dar \"forza á lingua\". Alumnos de colexios da comarca de Santiago participaron nunha carreira lúdico-festiva para reivindicar o uso da lingua galega.
Organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica de Galicia (SPG), o sindicato nacionalista CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo ou as Deputacións Provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense, esta undécima marcha en defensa do galego -que este ano se celebra sen o apoio da Consellería de Educación nin o da Secretaría Xeral de Política Lingüística- arrincou con forza na capital galega.
En declaracións ós medios de comunicación, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, opinou que o Correlingua é un acto \"lúdico e reivindicativo\" para que os mozos \"tomen conciencia\" da necesidade de usar o galego e \"poñan en valor\" o \"patrimonio\" de Galicia, asegurou.
Ademais, Louzao lamentou que se produzan \"ataques e desprestixios\" ó galego, en referencia ás políticas lingüísticas levadas a cabo polo Goberno da Xunta, por exemplo, o proxecto do Decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, rexeitado pola maioría dos centros de ensino, os sindicatos e as asociacións de pais de alumnos.
Escenificación da realidade lingüística
Tras completar a marcha, de preto de tres quilómetros, os estudantes desembocaron no punto de partida, a emblemática Praza do Obradoiro, onde asistiron a unha breve representación teatral.
Tres actores -un shériff, unha viúva e un personaxe que encarnaba ó máximo representante de Educación- escenificaron a morte do galego e simularon, en ton humorístico, as decisións políticas que se tomarían ante a desaparición de dito idioma.
Por exemplo, referíronse á desmantelación do Instituto da Lingua Galega (ILG) e á creación dunha fonoteca para almacenar arquivos sonoros en galego en formato \"mp3, mp4, mp5, mp6 e así sucesivamente\", chancearon os actores.
\"É a primeira morte dunha lingua que ten lugar en democracia, pero é constitucional porque así o certifica o tribunal de dito nome\", asegurou un dos intérpretes.
Ao termo da peza teatral, os actores leron un manifesto, elaborado por alumnos dun centro educativo de Ribadeo (Lugo) e titulado Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil, o lema, inspirado nos versos de Uxío Novoneyra, que guía este ano o Correlingua. \"A partir de hoxe, na casa, cos teus amigos e amigas, fala galego para sempre, que co galego tamén se liga\", indicaba o manifesto, que se lerá en cada unha das localidades galegas nas que estea presente esta marcha.
O acto pechou cunha canción interpretada por alumnos do colexio público de Cernadas de Castro, no municipio coruñés de Lousame, galardoados pola organización co premio de animación.
O Correlingua celébrase hoxe en Ourense, mañá na Mariña e a Ribeira Sacra, o 6 de maio na Estrada e Baixo Miño, o día 7 na Barbanza e Ferrolterra, o día 10 no Salnés, o día 11 en Monterrei e Pontevedra, o día 12 en Lugo, o día 13 na Coruña e rematará o día 14, en Vigo.
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/co-g ... ia-543420/

Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes