Página 1 de 1

OS VELLOS OFICIOS

Enviado: sábado, 17 out 2009, 09:27
por pilarmabel
Peóns camiñeiros, unha profesión en extinción
O Corpo foi creado en 1790 polo Conde de Floridablanca e case desapareceu douscentos anos despois
\"Traballas menos que a chaqueta dun camiñeiro” rezaba un dito popular que pouco ou nada tiña que ver cos profesionais dos camiños por onde pasaban as carretas, no século XIX, que logo darían lugar ás estradas. Contra o que di ese antigo tópico, o oficio dos que se dedicaban a coidar das antigas vías estatais era suxeito e escravo, xa que segundo as súas ordenanzas debían de permanecer durante todo o ano no posto de traballo, agás o tempo que dedicaban para durmir e comer. De feito vivían na estrada.
As casetas dos camiñeiros
Paralelamente ao nacemento do Corpo de Peóns Camiñeiros, xorde tamén o seu hábitat natural que se conservou até a actualidade. O Estado facilitáballes unha casa que dispuña tamén dun pozo e, nalgúns casos, dun pequeno terreo para abastecerse de alimentos. Os antigos camiñeiros tiñan as súas vivendas emprazadas nas tradicionais estradas nacionais. Foran construídas ao amparo dunha orde do ano 1852. Nelas, ademais de aloxarse, tamén debían gardar os útiles de traballo. A cada coidador das estradas asinábaselles un treito determinado de vía e a el correspondíanlle as tarefas de arranxo, limpeza e coidado, pero tamén exercía unha función parapolicial, xa que debía denunciar a todos aqueles que cometesen algunha actividade contraria á lei, aínda que de xeito moi directo incumbíanlle aquelas nas que os infractores danasen as vías destinadas a uso público. Así nun dos artigos que regula a profesión dise textualmente: “O peón camiñeiro que atope no camiño algunha persoa sospeitosa esixiralle a súa cédula persoal, e se non a ten, conducirao á vila da súa xurisdición para poñelo a disposición do Alcalde ou ao posto máis inmediato da Garda Civil, para que esta se faga cargo del, recollendo recibo como comprobante do seu celo. O mesmo fará coas persoas que encontre delinquindo”.
O regulamento de ingreso dos peóns camiñeiros faise público o 3 de decembro de 1909, así coma algunhas ordenanzas que o rexerán, entre elas a relativa a xerarquía destes traballadores. Así, sinálase que o capataz será o encargado de organizar o traballo e as tarefas que ten que facer cada camiñeiro. Así mesmo, mediante esta lei son obrigados a levar uniforme e distintivos que, dalgún xeito, outorgábanlles unha certa autoridade nas antigas estradas de carácter estatal. Os antigos peóns camiñeiros debían facer un percorrido durante a xornada dos domingos no treito que lles adxudicarán. Logo debían utilizar esta xornada e os días denominados de precepto para a limpeza do uniforme.
Auxe e decadencia do Corpo de Peóns Camiñeiros
A comezos do século XX, coincidindo co inicio do reinado de Alfonso XIII e a aparición do que hoxe en día coñecemos coma “tránsito rodado” multiplícanse o número de vías estatais e locais, o que leva aparellado o incremento de coidadores das estradas públicas. O seu asentamento prodúcese mesmo á beira do camiño ou vía de circulación en cuestión. O número vai en aumento a medida que avanza o século, sendo especialmente significativa a etapa previa á ditadura de Primo de Rivera, e dende o ministerio de Fomento lánzase a máxima de “camiños, estradas, escolas”. A tradicional casa do camiñeiro convértese no lugar de referencia, xa que será un elemento pouco menos que indispensábel non só para os viandantes senón para os escasos condutores que comeza a haber por todas a estradas. A súa vivenda servirá tamén para dar pousada a moitos transeúntes que aínda viaxaban a pé. O camiñeiro é todo un mito das antigas estradas nacionais.
Nos anos posteriores á Guerra Civil son os encargados de restaurar os camiños duramente castigados polos bombardeos e polo conflito bélico, aínda que moitos deles non serán recuperados até os anos sesenta. É nesta época cando xorden as famosas cuadrillas de camiñeiros para axudar a facer unhas vías das que tan necesitado estaba o Estado e especialmente Galicia. Nos anos de posguerra, e xa avanzada esta etapa histórica, a profesión do “peón camiñeiro” é vista coma un “choio”, especialmente pola mocidade de entón, que contaba cunha escasa preparación académica. Esta era unha das opcións para acceder a unha praza pública por unha canle máis ou menos rápida.
Nos anos 50 e 60, os antigos peóns camiñeiros disporán dun novo emprazamento, principalmente as novas xeracións que ingresan no corpo nese momento. A tradicional caseta ao pé da estrada, aínda que se mantén para os que dispoñen dela, pasa a mellor vida. Os novos profesionais seguen a ter vivendas concedidas polo Estado en canto permanecen en exercicio, mais, a diferenza do que viña ocorrendo, agora viven en agrupacións á entrada de localidades máis ou menos grandes que, curiosamente, conservan as antigas denominacións de A Casiña, aínda que a denominación oficial que reciben é a de Parque de Obras Públicas. Aínda así, gardará moitas semellanzas co modelo anterior, xa que ao carón mesmo das vivendas dos novos camiñeiros emprázanse os garaxes nos que se gardan os materiais que se empregan no coidado das obras.
A decadencia a partir dos oitenta
A partir dos anos oitenta comeza a decadencia do Corpo dos antigos Peóns camiñeiros, malia que na actualidade aínda se sigan a convocar prazas por parte das distintas comunidades autónomas. Os últimos peóns camiñeiros pouco ou nada teñen que ver co pasado máis remoto. Nas décadas dos sesenta e setenta aínda se lles asinan tarefas de mellora das principais vías, tales coma o asfaltado, pero coa chegada das autovías, na década dos noventa, esta ancestral institución pública vive os peores momentos. Aos que aínda quedan asínanlles tarefas completamente distintas. Encárgaselles a limpeza de vías comarcais e das antigas nacionais polas que apenas hai tránsito. Tamén son os encargados da reposición de sinais e de facer algunha obra menor, coma tapar fochas. Un dos corpos de funcionarios públicos máis antigos pódese dicir que case é historia. A alta tecnoloxía en materia de obras públicas é a única responsábel.
As míticas vivendas
Nas antigas vías estatais aínda se contemplan moitas edificacións, propias do século XIX, que lembran que alí residía o peón camiñeiro ou o capataz. A indicación está rotulada en porcelana e chama a atención de calquera viaxeiro, así coma a proximidade coa estrada e a súa arquitectura. A meirande parte delas son xa simples lembranzas dun pasado que foi máis fermoso para elas e tamén para a propia vía na que se emprazan. As que sobreviviron foron desafectadas polas distintas autoridades públicas e cedidas aos peóns camiñeiros cando se xubilaron e estes, á súa vez, deixáronllas en herdanza aos descendentes.
Moitas destas antigas vivendas están a ser utilizadas para distintas funcións, entre elas a de albergue de peregrinos ou, até casas da mocidade, pero a maioría delas sucumben ao esquecemento, a pesar da importante carga de historia que levan enriba de si. Non estaría de máis, darlle utilidade a algunha delas como museo do que representaron as antigas estradas nacionais noutro tempo, cando viaxar non era tan doado.
http://www.anosaterra.org
Un saludo
Pilar

OS VELLOS OFICIOS

Enviado: terça, 20 out 2009, 11:47
por mariab
Moi interesante, grazas. Non tiña nin idea sobre o tema.