A noite máis meiga do ano!!!!

...Para calquera outro tema non recolleito nas outras categorías.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

A noite máis meiga do ano!!!!

Mensagempor cachafeiro » terça, 23 jun 2009, 13:00

A noite de San Xoán, o 24 de xuño, é hoxe unha das festas máis ricas en lendas, supersticións e costumes que acocha o noso folclore, a nosa cultura. Antes de ser cristianízada, era unha relixión popular na que os espíritus do mal actuaban na escuridade con obxectivos malévolos na percura dalgunha victima.
Pretender sabe-la oríxe desta liturxia sería perderse nos estadios máis ancestrais da vida mesma. Quizáis poderíase remontar ás civilizacións prehistóricas e sobre todo dende que o home se decata do movemento de translación ó redor do sol que anualmente recorre o noso planeta. Dita observacián puido ser consolidada cando a humanidade logrou "domesticar" o lume.

0 dia no que o sol atinxe o maior tempo de esplendor dase o 21 de xuño , fenômeno natural coñecido como "solsticio vernal ou de verán". A partir de entón, o tempo da claridade solar vai diminuindo paseniñamente ate o solsticio "hienal ou invernal" no día de San Silvestre. De seguido, a luz diurna vai "increscendo" ata repeti-lo ciclo .

Segundo a definía don Eladio Rodríguez Gónzalez no seu Breviario enciclopédico: "Na noite de San Xoán parecen realizarse tódalas marabillas. Acéndense nas cidades, vilas e aldeas as tradicionais lumeiradas, arredor das
cales canta a mocidade, baila e brica por riba das chamas; pasan logo os gandos para que reciban o orballo de San Xoán, cando xa as fogueiras esmoreceron, facendo que as redes reciban o remol aínda fumegante; póñense ó relento herbas e plantas recendentes, mergulladas en auga, e nesta auga sandadora lávase á mañá seguinte toda a familia, na crenza de ver curadas as erupcións do cute que padecen; tómanse ás doce da noite as nove ondas do mar polos que viven preto; non poucas persoas acoden á praia máis cercana, malia teren que percorrer unha distancia de dúas a tres légoas para recibi-las salutíferas ondas; chimpándose nove veces ó río os ribeiráns do Miño ó dálas doce da noite, cren que esas ablucións lles serán beneficiosas.

As mozas solteiras botan a clara e a xema dun ovo nun vaso con auga, que poñen ó relento para observar ó saí-lo sol as formas caprichosas que adoptou o contido e deducir diso a profesión ou oficio que terá o desexado noivo ou o futuro esposo; hai quen cre que as meigas aproveitan a noite de San Xoán para dirixirse polos aires ós seus conciliábulos de Sevilla ou do noso areal de Coiro; e tales virtudes salutíferas e purificadoras teñen as augas nesta noite única, que tamén posúen facultades prolíficas para a moza que acade coller a chamada Flor da auga fría. En non poucas aldeas galegas moitas persoas adoitaban madrugar para ver por un cristal afumado como o sol nace bailando na madrugada dese día vizoso en prodixios. A mocidade das aldeas, aproveitando as sombras, dedícase a cambiar de sitio e saca-las cancelas dos seus gonzos, os carros, os apeiros de labranza e tódolos enseres que poden levar duns sitios a outros máis ou menos afastados; deste xeito aparecen pola mañá na eira dun veciño o que estaba recollido no alpendre doutro; e así trasladaban á Veiga vella os efectos dun veciño da Veiga nova; e aínda atrancan as portas de moitas casas para que os moradores non poidan saír doadamente delas. Nas poesías dos trobadores medievais fanse referencias adoito a estes costumes que xa entón eran propios de noite e de día tan sinalados".

ANIMISMO

De non perderse unha grande parte da tradición, os elementos esotéricos utilizados para transmiti-las propiedades, atribuidas ós espíritus desta relixión, serían innumerables. De tódolos xeitos, habería que agrupalos, ben por unha casuística común ou dentro dunha simboloxía moi significativa. Destes, os principáis serían:

A AUGA

Elemento de gran limpeza que segundo o seu estado pódenos liberar das enfermidades cutáneas (orballos); dos malos espíritus (auga bendita), e incluso posúe poderes fecundativos (auga mariña).

Só hai un tipo de auga refuxada e que o saber popular soubo refranar perfectamente ó dicir:

"A chuva de San Xoán, tolle o viño e non colle pan".



O LUME

E outro dos elementos purificadores que queima as impurezas e as malas herbas. 0 resplandor das labaradas no seo da noite, descobre os diaños ocultos na escuridade. A calor desprendida das lumaradas semella recualos ate facelos fuxir.


AS HERBAS

Popularmente ben coñecidas polas súas propiedades curativas, mediciñais, purgativas e mesmamente perigosas. A ciencia popular soubo identificar moi ben aquelas nas que as divinídades transmitían os atributos milagreiros, otorgándolle a cada pranta ou herba unha finalidade concreta e diferente. Hoxe as investigacións no laboratorio relegaron o uso das prantas ó consumo de productos dietécticos; pero será a propia investigación quen logrará, nun futuro non moi lonxano, o verdadeiro valor centífico e medicinal das mesmas.


OS PENEDOS, ENCRUCILLADAS, LAGOAS, CASTROS E OUTEIROS

Non son máis que lugares de culto, que a cristianización transformou en altares e cruceiros. Nestes sítios manífestábanse fisicamente os mutados en fadas, bruxas, diaños, cobras, santa compaha etc. etc. Aparecian en días tan sínalados como o San Xoán ou Noiteboa para face-los conxuros e feitizos. 0 mortal que conseguira miralos arriscábase a todo. Desde enriquecerse, na maioria dos casos, de acadar co desfeitizo, ata desaparecer ou morrer se non o lograba.

A FOGUEIRA
A fogueira de San Xoán, e por extensión a de San Pedro, costume esta última cáseque extinguida, simbolizan o astro solar. Os curros de nonos e nonas cantando e choutando ó seu redor, semellan unha inmolación.

O último día era obrigatorio carrexar loureiro para enterralo, afincalo e ir estribándolle a broza por todas partes . Logo de quedar firme pendurábanselle cartuchos de papel cheos de xofre.

A hora de prenderlle lume era todo un ritual. Nunha pequena fogueira a parte concéntranse tódolos rapaces que traballaron. Dictan normas xerarquizadas chegando incluso a acaloradas discusións para elixir o "xefe" . Unhas veces era escollido por méritos de participación, e as máis porque era un verdadeiro líder.

Chegado o momento prendían os fachos e o "xefe" era o primeiro en lle plantar, logo, o resto da rapazada secundao respectando a escala xerárquica e outras veces facíanno de forma desordeada. Cando o lume toma corpo os loureiros comezan a fumegar e a soar no ar un agradable e continuo desacorde de estralazos, como se procuraran facer fuxi-los seres agoreiros.

As labaradas alcanzan e queiman os cartuchos de xofre deixando cair raioliñas de múltiples cores.!Qué espectáculo!. Nenos e nenas, mozos e mozas, cantaban e brincaban o redor bébedos pola delicia do resplandor da fogueira e desafiando a calor que dela se despedia, e que fai recuar aos maiores. Habíaquen se sentaba a carón da fogueira para formular un desexo. A medida que o lume da cacharela vai minguando, avívase con broza da reservada. No caso de ser moita, sempre se deixaba algunha para a de San Pedro.

Actualmente o loureiro é sustituido por un pau alto ó que se lle pendura un moneco e vaise a pedir polas casas leña, móveis vellos, caixas de frutas e cartos para gasolina e petardos. A madeira recollida apíñase ó pau como si fora un palleiro.

Xa esmorecida a fogueira, os valentes tentaban cruza-los braseiros en carreiras, chimpos, ou utilizando os taboleiros para non queimarse. Antigamente facíase o mesmo, pero co propósito de cura-las aireadas, fuxi-las bruxas, saca-lo diaño do corpo, curar mal de ollo e como se dicía "Sálvame lume de San xoan, para que non me trabe cadela nin can".

Tamén había quen queimaba unha peza de roupa persoal para evitar que non fora poseída pola bruxas. Hoxe, o salta-lo braseiro non deixa de ser un acto de valentia e temeridade. Xeralmente estas normas estaban arraigadas en expresións espirituais e curativas.

Tampouco é descartable darlle algún contido gastrónomico. Estamos na época da recolleita da pataca e había quen as botaba, sen pelar, nun recuncho da fogueira. Sen deixarse queimar, os cachelos comíanse quentes. E tampouco debe esquecerse o refrán popular que di "Polo San Xoán a sardiña pinga no pan", de millo por suposto, e se ían acompañadas dunhas fechas do viñoo de a rente a parede, !mellor que mellor.! Logo os cantos, bailes, pandeiretas, gaitas e acordeóns. A festa estaba servida.Agora estendeuse o senso gastronómico e é fácil contemplar ós veciños asar mexilóns, chinchos, sardiñas, chourizos, e inclusive facer unha churrascada. Para rematar unha queimada.

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

A noite máis meiga do ano!!!!

Mensagempor cachafeiro » terça, 23 jun 2009, 13:03

Son frases feitas, en prosa ou verso, baseadas na observación dos fenômenos naturais e que a sabiduría humana proverbia, dun xeito categórico a filosofia popular.

Os principais refráns sanxoaneiros recollidos din:



En san Xoán, as bruxas fuxirán.
- Sálvame lume de san Xoán, para que non me trabe, nin cadela nin can.
- Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
- A noite de san Xoán, pasaralo ben, e o día seguinte, mal.
- Na noite de san Xoán, non te deites ata a mañá.
- No san Xoán, na palangana cagarán.
Se queres roubar un portal polo san Xoán, come moito e sobre todo pan.
Na noite de san Xoán rapaz, rouba portais si eres capaz.
En san Xoán, cardos dan.
No san Xoán, peras na man.
No san Xoán, as peras caen ó chan.
A auga de san Xoán, tolle o viño e non da pan.
No san Xoán, fouciña na man.
Os allos postos no san Xoán, son dentes de can.
Cebolas en san Xoán, cagallas de can.
Na noite de san Xoán, bebe viño e come pan.
Polo san Xoán, a sardiña pinga no pan.
0 coeño polo san Xoán, e o pavo polo Nadal.
Quen auna (xexuna) polo san Xoán, é tolo ou non ten pan.
Mañás de san Xoán unhas corren e outras van.
En maio, déitome e caio. En san Xoán, déitome no chan.
Na noite de san Xoán, fai o que todos fan.
Polo san Xoán, as nove co día darán.
Polo san Xoán, a vella preguntará, cando virá o verán.
0 dia de san Xoán, ó o día máis longo do verán.
Polo san Xoán, calquera burro gaña o pan.

Alexandra Cachafeiro Camiña

pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

A noite máis meiga do ano!!!!

Mensagempor pilarmabel » terça, 23 jun 2009, 17:58

HERBAS NA NOITE DE SAN XOÁN

Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, e que coincide coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.
Algunhas herbas varían segundo a zona, pero hai moitas que aparecen en todas elas. A estas imos dedicar un pequeno espacio da nosa páxina.

As rosas son as primeiras
Rosa Canina. Tamén chamada roseira, silva macho, rosal bravo, rosal do demo... ademais do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel


Fento macho (Dryopteris filix-max), tamén fieito, dentebrun, dentabrón... Cóntase deste fento que bota 'flores' a medianoite de San Xoán. Estas servirán para facer feitizos. No 'Ciprianillo' cóntase que pondo un lenzo baixo do fento a mañán estará cheo de demos pequenos.
É velenoso, actúa como paralizante muscular

Fiuncho (Foeniculum vulgare) fiollo, fionllo... Protexe do mal de ollo. Un saquiño con sementes axuda a conserva-la saúde. Para manter lonxe as carrachas hai que levar unha ramiña no zapato esquerdo. Ten propiedades diuréticas e dixestivas. Úsase para lava-los ollos e axuda á secrección do leite

Herba Luisa (Lippia triphylla) verbena olorosa. Din que foi o costume de recoller esta planta ás doce da noite de San Xoán (as mozas casadeiras) a que fixo que o nome de verbena se extendese a tódalas celebracións nocturnas. Utilizábase para facer moitos ritos e feitizos amorosos. Ten propiedades dixestivas.

Herba de San Xoán (Hypericum perforatum), pericón, abeluria, espantademos... a crenza popular era que ó queimala na casa, espantaba os demos. "A herba de San Xoán limpa a cara de grans". É cicatrizante, antiséptica, astrinxente, diurética e antidepresiva


Malva (Malva silvestris). As propiedades desta planta son ensalzadas en moitos ditos populares: "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar", "Cun pozo e un malvar, boticario dun lugar". Serve para a tos, queimaduras, picaduras de abellas...

Codeso (Cytisus purgans) piorno, xesta, retama... Ten un aroma semellante ó do mel. Atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Era planta sagrada para os druídas celtas. Coas súas ramas várrese a casa para purificala e protexela.

Romeu (Rosmarinus officinalis) alecrín, rosmariño... É unha das plantas máxicas, utilízase para purificar e protexer. Hai tempo queimábase cando había enfermos na casa. Oler a súa madeira conserva a xuventude. A súa esencia é tónica, estimulante, cicatrizante, boa para o reúma e fai crece-lo pelo



Sabugueiro (Sambucus nigra), sabugueiro, bieiteiro, saúco...Os froitos chámanse tamén uvas de bruxa. É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tos. As propiedades intensifícanse cando San Xoán os bendice (nesta noite). É moi usado para espanta-los sapos e serpes.
Outras prantas máxicas adornan esta noite as paredes das casas e as fiestras. Ás veces son engados que fan os mozos ás mozas, pero tamén teñen a intención de escorrenta-los demos

Croque (Digitalis purpurea), estralote, estalote... Toda a planta é moi tóxica. Ten propiedades cardiotónicas, pero o manexo é perigoso. Onde medran os croques pénsase que é o lugar onde bailan meigas as noites de lúa chea. Tamén pendúranse nas portas das casas para espantalas

Nogueira (Juglans regia), noceira, concheiro... Aparece en moitas receitas para curar as chagas do corpo (follas de nogueira con tres noces). É astrinxente e vermífuga

Torvisco (Daphne gnidium), trovisco, churvisco ... Ten propiedades antiinflamatorias e purgantes moi enérxicas. É unha planta moi perigosa



Coas herbas recollidas na noite de San Xoán facíanse os 'cachos', mellor con auga de sete fontes.
As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán).
A mañán seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas.
Curábase tamén ós nenos do enganido, fendendo en dous un carballo e pasando ó neno pola fenda. Interviñan dous Marías ou unha e un Xoán, decindo: "Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darásmo sán". Atan de novo a árbore e se solda, o neno cura.
Tamén hai a crenza de que si as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai se-lo seu home.
Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese sabe-la sorte dos ausentes.

Tamén saltando as fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese sabe-lo futuro. As mozas que salten ou 'salven' a fogueira un número impar de veces, sen toca-lo lume, casarán dentro dun ano. Terán que face-la invocación:

"Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can".
"Dios te dou, Dios te criou, Dios che saque esta ollada se alguén cha botou. Antes que o mal sea visto, naceu Cristo. Morra este mal e viva Cristo"
A borralla da fogueira tirámola cara a un río decindo: "Demo maldito vaite de ahí. Ahí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Dios te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño".
Hai moitos máis ditos sobre esta celebración:
Na noite de San Xoán non te deites ata a mañán.
Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
No San Xoán as bruxas fuxirán.
Polo San Xoán, as nove co día darán.
O día de San Xoán, é o día máis longo do verán.
Mañanciñas de San Xoán, unhas corren e outras van.
Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
Quen xexuna polo San Xoán, é tolo ou non ten pan.
Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
Polo San Xoán a sardiña pinga o pan.
Son moitas as referencias ós labores agrícolas:
No San Xoán, peras na man.
A auga de San Xoán, tolle o viño e non da pan.
No San Xoán, fouciña na man.
En San Xoán, cardos dan.
Os allos postos no San Xoán, son dentes de can.


Fuente: centros.edu.aytolacoruna.es/


Pilar

sbaezagarr
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sexta, 04 mar 2005, 00:00

A noite máis meiga do ano!!!!

Mensagempor sbaezagarr » terça, 23 jun 2009, 21:35

A noite de San Xoán, o 24 de xuño, é hoxe unha das festas máis ricas en lendas, supersticións e costumes que acocha o noso folclore, a nosa cultura.

Gracias Alexandra por este mensaje en relación a la Noite de San Xoán, fecha tan significativa en las Tradiciones y Costumbres Gallegas.

Dejo unos links a otros mensajes referidos al tema, que fueron publicados anteriormente.

http://www.fillos.org/galicia/index.php ... pic&t=1354

http://www.fillos.org/galicia/index.php ... pic&t=2828


¡Espero que disfruten los relatos que ahí encontrarán!

Apertas,
Sandra


Voltar para “Caixón de xastre”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante