Unha gota do teu sangue pode axudar a identificar desparecid

...Para calquera outro tema non recolleito nas outras categorías.
Avatar do Utilizador
xestor
Mensagens: 1337
Registado: terça, 04 jan 2005, 19:34

Unha gota do teu sangue pode axudar a identificar desparecid

Mensagempor xestor » segunda, 16 jun 2008, 18:47

Copio o que me trasmitiron desde o clube internacional de prensa de Compostela:

GALICIA CONTRIBUIRÁ Á IDENTICACIÓN DE 600 CADÁVERES EXHUMADOS NA
ARXENTINA. CONFERENCIA O LUNS 16 ÁS 20:00 HS NO CLUB INTERNACIONAL DE
PRENSA

Luis Fondebrider, fundador do Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense
-EAAF-; Georgina Bortolotto, Cónsul Xeral Adxunta de Arxentina para
Galicia; Mercedes Salgado -membro da EAAF- e Carlos Mª Duhalde,
Conselleiro da Embaixada Arxentina en España, falarán da campaña de
identificación dos 600 cadáveres exhumados, a través de mostras de sangue

O 18 de xuño comeza en Galicia a recollida masiva de mostras de sangue de
familiares de persoas detidas desaparecidas por razóns políticas en
Arxentina, entre 1974 e 1983

Un equipo do EAAF (Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense) co seu
fundador á cabeza, o licenciado en Ciencias Antropolóxicas Luis
Fondebrider, virá a Galicia o luns co fin de incluír ao país na Campaña
de recollida de mostras de sangue para poder identificar aos máis de 600
esqueletos xa exhumados, fundamentalmente, nas provincias arxentinas de
Bos Aires e Córdoba. O Conselleiro da Embaixada de Arxentina en España,
Carlos María Duhalde, acompañará a esta delegación que participa tamén,
xunto con Georgina Bortolotto -Cónsul Xeral Adxunta de Arxentina en
Galicia-, e Mercedes Salgado -membro da EAAF-, nunha Roda de Prensa que
terá lugar no CIP o luns 16 ás 12:00 hs.

ÁS 20:00 hs do mesmo luns 16, Luis Fondebrider, Georgina Bortolotto e
Carlos Mª Duhalde, ofrecen unha Conferencia aberta ao público en xeral,
na mesma sede do Club Internacional de Prensa, na Avda. da Coruña 6,
baixo, en Santiago de Compostela.

Este traslado a Galicia inclúe un encontro co recoñecido xenetista
internacional, o catedrático de Medicina Legal da Universidade de
Santiago de Compostela, Àngel Carracedo, que participará neste proceso de
recollida de mostras sanguíneas, que será coordinado polo Consulado Xeral
Adxunto de Arxentina en Galicia.

A campaña de recollida de mostras sanguíneas con familiares de vítimas de
desaparecid@s forzad@s na Arxentina no período de 1974 a 1983, lévase a
cabo tamén en Madrid e outras partes do estado español, (Barcelona,
Tenerife e Andalucía), trasladándose a Galicia para comezar ese mesmo
proceso, e poder así identificar a eses 600 "desaparecidos forzosos" na
Arxentina no período anteriormente citado.


Recollida de mostras en Galicia

A toma de mostras realizarase tanto con cidadáns galegos e españois en
xeral, como arxentinos que teñan familiares desaparecidos durante o
réxime que depuxo ao Goberno constitucional de María Estela Martínez de
Perón, e instalou unha Xunta Militar encabezada polos comandantes das
tres Forzas Armadas: Jorge Rafael Videla -Exército-, Emilio Eduardo
Massera -Armada- e Orlando Ramón Agosti -Forza Aérea-. Este Gabinete, que
se autodenominou Proceso de Reorganización Nacional, foi responsable de
miles de asasinatos secretos de persoas por motivos políticos e
relixiosos. Algunhas organizacións de Dereitos Humanos falan de ata máis
de 30.000 desparecidos neses sete anos de réxime militar.

Con esta recollida de mostras biolóxicas para identificar os restos de
vítimas da ditadura, ponse en marche o Convenio asinado en Bos Aires en
novembro do pasado ano, entre os Ministerios de Xustiza español e
arxentino. O acordo prevé tamén a celebración de cursos de capacitación
xurídica en delitos de lesa humanidade.

Será a partir do mércores 18 de xuño que comezará en Galicia a recollida
de mostras sanguíneas en distintas cidades, e coordinado todo iso polo
Consulado Xeral Adxunto de Arxentina en Galicia, situado en Vigo. Para
solicitar a proba sanguínea, será necesaria cita previa en cada unha das
cidades galegas. A campaña de recollida de mostras prevese que dure un
mes.


SE TEN UN FAMILIAR VÍTIMA DE DESAPARICIÓN FORZADA ENTRE 1974 E 1983, NA
ARXENTINA, UNHA SIMPLE GOTA DO SEU SANGUE PODE AXUDAR A IDENTIFICALO

Na EAAF:

a) teñen 600 esqueletos xa exhumados que agardan ser identificados

b) A maioría dos restos destas 600 persoas desaparecidas foron exhumados
en cemiterios de provincia de Bos Aires e Córdoba, pero continúan facendo
exhumacións en todo o país

c) creouse coas mostras o Banco de Mostras de Sangue a nivel oficial, na
Secretaría de DDHH da Nación na Arxentina

d) o EAAF continúa recuperando corpos de diferentes partes do país

e) esta campaña non se esgota este ano, senón que continúa durante, polo
menos, todo o 2009

f) convócase á maior cantidade de familiares posibles, para poder enviar
as mostras e comparalas cos restos desas 600 persoas desaparecidas


Como comezou o proceso no EAAF

Ata agora, por cuestións económicas, non houbera posibilidade de facer
análises xenéticas aos restos de máis de 600 persoas que xa foron
exhumados polo EAAF, e comparalos coas mostras de sangue dos familiares.
Só cando había unha hipótese de identidade por investigación, enviábanse
mostras ao laboratorio que o EAAF ten en Córdoba, Arxentina, chamado
LIDMO, para facer análise de ADN e corroborar a identidade. Isto fixo que
se poida ir identificando moitas persoas, pero o ritmo é moi lento, e os
familiares van morrendo.

Ante iso decidiuse facer un proxecto para poder facer por fin análises
xenéticas a maior escala, e poder enviar a un laboratorio 600 mostras de
óso e preto de 4000 mostras de sangue, para ser comparadas durante este
ano. O primeiro ano faranse as análises no laboratorio Bode de Estados
Unidos, e o ano que vén todo regresa ao laboratorio LIDMO de Córdoba,
para seguir traballando, pero xa con moito avanzado.

Por iso decidiuse convocar a maior cantidade de familiares posibles, para
poder enviar as mostras e comparalas cos restos desas 600 persoas
desaparecidas. O EAAF asinou un convenio coa Secretaría de DDHH da Nación
e o Ministerio de Saúde, de Arxentina, para armar unha rede a nivel
nacional e ter posibilidade de cubrir todo o país, que doutra forma sería
imposible para o Equipo en tan pouco tempo. Agora existe un Banco de
Mostras de Sangue de familiares, con tres copias de cada mostra: unha que
vai quedar en custodia da Secretaría, outra en custodia do EAAF e a
terceira que vai ao laboratorio para a súa análise. O estado arxentino
puxo 65 hospitais en todo o país para que os familiares vaian dar a súa
mostra, e máis de 100 oficinas de DDHH onde se achegan antes a pedir
quendas.

Ata agora, a campaña comezou en Novembro, recolléronse 2.300 mostras en
todo o país arxentino. A maioría dos restos destas 600 persoas
desaparecidas foron exhumados en cemiterios das provincias de Bos Aires e
Córdoba, pero continúanse facendo exhumacións en todo o país.

Debido a que moitos familiares residen no estranxeiro, é que o EAAF
solicitou á Chancelaría Arxentina a súa colaboración para poder tamén
chegar a eles. De feito, están en contacto coa Embaixada arxentina en
Madrid. O chanceler deu orde de total apoio ao proxecto. Nomearon a unha
persoa para este proxecto, e a idea é que antes de regresar á Arxentina,
o 21 de xuño, os catro consulados (Vigo, Tenerife, Cádiz e Barcelona)
máis a Embaixada en Madrid, poidan recibir os familiares de cidadáns
arxentinos e españois desparecidos e tomarlles as mostras de sangue.
Logo, esas mostras serán enviadas por vía diplomática ao EAAF.

O EAAF leva xa tomando mostras na Embaixada en Madrid dende o 12 de xuño
(os días 9, 10 e 11 deron o curso aos médicos no Centro de Capacitación
Xudicial, situado no Campus da Complutense) e durará ata o 20 de xuño.


QUE É O EQUIPO ARXENTINO DE ANTROPOLOXÍA FORENSE (EAAF)


O Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF) é unha institución
legalmente recoñecida, non gobernamental e independente, que dende 1984
traballou na aplicación das ciencias forenses, en especial a Antropoloxía
Forense, en investigacións sobre violacións aos dereitos humanos
cometidas na Arxentina e noutras partes do mundo.

Dende o punto de vista científico, a tarefa principal do EAAF
consiste na investigación, a exhumación arqueolóxica de restos óseos
inhumados en foxas comúns e individuais e a análise do material
recuperado tendente a lograr identificacións positivas das vítimas e
determinar a causa e modo da morte. Esta tarefa realízase dentro do marco
de causas xudiciais en trámite.

Na Arxentina, o EAAF achou e identificou os corpos de máis de 250
persoas desaparecidas durante o período 1976-1983, e traballado na
Capital Federal e as provincias de Bos Aires, Córdoba, Santa Fe, Entre
Ríos, La Pampa, Mendoza, San Juan, Catamarca e Chaco, entre outras.

Ao mesmo tempo, un aspecto central do traballo é a relación cos
familiares das vítimas, así como con testemuñas dos feitos, que permiten
incorporar a temática da Memoria e a Reconstrución Histórica do pasado,
dándolle a unha tarefa aparentemente só científica, un compoñente
humanitario.

Dende 1986 os membros do EAAF realizaron viaxes a diferentes partes
do mundo para conducir investigacións de casos, ditar seminarios e
conferencias, co obxecto de difundir a importancia das ciencias forenses
na comprobación científica de violacións aos dereitos humanos. Como parte
desta actividade unha énfase moi grande foi dada á tarefa de formar
equipos similares de expertos en Antropoloxía Forense en cada un dos
lugares visitados. Algúns dos países onde viaxaron os membros do EAAF,
para desenvolver os ítems arriba mencionados foron: Chile, Bolivia,
Brasil, Paraguai, Uruguai, Perú, Venezuela, Colombia, Guatemala, El
Salvador, Honduras, Haití, Panamá, Filipinas, Kurdistán (Norte de Iraq),
Croacia, Bosnia, Kosovo, Sudáfrica, Zimbabwe, Angola, Etiopía, Rep. Dem.
do Congo (ex Zaire), Timor Oriental, Indonesia, Sierra Leoa, Sudán,
Kenya, Costa de Marfil, Togo, Tahití e Romanía. O incremento de
actividades internacionais do Equipo é considerado esencial, xa que a
documentación científica de abusos aos dereitos humanos para propósitos
legais e históricos é unha crecente necesidade nas novas democracias.

Algúns dos organismos que solicitaron os servizos do EAAF nos
últimos anos son: o Tribunal Internacional para Crimes de Guerra na ex
Yugoslavia de las Naciones Unidas; a Oficina do Alto Comisionado polos
Dereitos Humanos das Nacións Unidas; a Comisión da Verdade de Nacións
Unidas para El Salvador; a Comisión Investigadora de Nacións Unidas para
a República Democrática do Congo; a Comisión Presidencial sobre
Desaparicións de Filipinas; a Corte interamericana de Dereitos Humanos; a
Oficina Especial do Procurador de Etiopía; a Comisión Presidencial
Verdade e Xustiza de Haití; a Fiscalía Xeral de Romania; a Fiscalía Xeral
de Colombia; o Goberno de Chipre; o Goberno de Uruguai; a Comisión para a
Paz de Uruguai; a Comisión Especial para a busca de desaparecidos de
Brasil; a Comisión Verdade e Reconciliación de Sudáfrica; a Corte Suprema
de Xustiza de Guatemala, Bolivia e Venezuela; a Comisión Presidencial de
Bolivia a cargo da busca dos restos de Ernesto "Che" Guevara; Amnesty
International; Human Rights Watch; American Association for the
Advancement of Science; Physicians for Human Rights; e numerosos
organismos de Familiares de Detidos Desaparecidos de América Latina.

O Equipo está formado por trece membros con dedicación exclusiva que
cobren as áreas arqueolóxica, antropolóxica e informática. O equipo
ademais está en estreito contacto con diferentes profesionais nacionais e
estranxeiros que prestan asesoramento científico cando son requiridos.

Ademais da súa sede na cidade de Bos Aires, o EAAF conta cunha
subsede na cidade de New York, Estados Unidos.

Así mesmo, o EAAF foi distinguido cos seguintes premios: Reebok Human
Rights Award (1989); Human Rights Watch/Monitor (1990); Servizo Paz e
Xustiza (1991); Medalla Rapaz Méndez (1993); Familiares de Detidos
Desaparecidos de Arxentina (1996); Mención Especial da Comisión
Consultiva dos Dereitos Humanos de Francia (1996), Novos Dereitos do Home
(1998). Por resolución 436/02 as actividades do EAAF foron declaradas de
Interese Nacional polo Poder Executivo de Arxentina.

O EAAF finánciase con achegas de Fundacións non gobernamentais
Europeas e Estadounidenses, así como co apoio dalgúns gobernos Europeos,
como os de Suecia, Suíza e Holanda, así como con achegas do Goberno
Arxentino.

Voltar para “Caixón de xastre”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante