Fillos de Galicia

Blogue

Remata unha nova Asemblea Extraordinaria da asociación cultural Fillos de Galicia

Xuño 21, 2010 in Fillos de Galicia por CoordFillos

Este domingo rematou unha nova asemblea extraordinaria que fora convocada de urxencia tras o fracaso nas negociacións relativas ao proceso Un futuro para Fillos que abríramos en Febreiro deste ano ante a situación pola que atravesaba a nosa asociación.

Na asemblea foi aprobada unha nova proposta alternativa ao devandito proceso e elexida unha nova xunta directiva que terá como principal mision poñela en práctica. O mandato desta nova directiva será temporal pois na proposta aprobada queda convocada unha nova Asemblea Extraordinaria para o día 11 de Xullo.

A composición da nova Directiva é a seguinte:

  • Fernando Afonso, como presidente e delegado en Euskadi.
  • Manuel Casal, como secretario e delegado en Ames (A Coruña).
  • Alejando López, como delegado en Murcia.
  • Alejandra Cachafeiro, como delegada en Bos Aires (Arxentina).

Convocada nova asemblea extraordinaria da Asociación Cultural Fillos de Galicia

Xuño 8, 2010 in Fillos de Galicia por Admin

Tras dar a nosa Xunta Directiva por rematadas sen froito as negociacións emprendidas con Reditegal a raíz da convocatoria Un futuro para Fillos e polo tanto considerar esa vía de futuro para os nosos proxectos, fracasada, convocouse unha nova Asemblea Extraordinaria de socios que comezará este venres día 11 de Xuño. O obxectivo da mesma será debater as alternativas que se lle abren agora á nosa asociación e elexir unha nova Xunta Directiva ou ben unha Comisión Liquidadora se os socios deciden disolver a asociación.

Comeza a X Asemblea Xeral da Asociación Cultural Fillos de Galicia

Marzo 19, 2010 in Fillos de Galicia por CoordFillos

En breves minutos comezará por medio da lista de correo habitual para estas cuestións a X asemblea xeral de socios de Fillos de Galicia. Nela trataranse como temas principais:

Como se pode ver vai ser unha asemblea decisiva para o noso futuro. Daremos nestas mesmas páxinas conta do resultado, e posiblemente tamén emitiremos comunicados de prensa segundo o que se decida por parte dos 30 socios que a día de hoxe formamos a asociación.

As estatísticas públicas de Fillos.org deixan de estar accesibles por problemas técnicos

Marzo 17, 2010 in Fillos de Galicia por CoordFillos

Nestes últimos días tivemos problema de sobrecarga no noso servidor debidos á aplicación Dinastats do noso fornecedor Dinahosting. Ao estaren accesibles a calquera internauta as estatísticas desta aplicación no enderezo http://www.fillos.org/dinastats2/ e non estar optimizada para webs tan visitados coma o noso, provocaba caídas do sistema con demasiado frecuencia. Polo tanto decidimos volver a poñelas privadas.

Se calquera persoa ou entidade está interesada en coñecer as estatísticas actualizadas de visitas a Fillos.org pode solicitárnolas poñéndose en contacto connosco. Outras cifras históricas tédelas na nosa habitual sección estatisticas.fillos.org. Lamentamos os problemas ocasionados, pero pareceunos que ofrecer esta información ao público era unha mostra de transparencia convinte dentro do proceso aberto de Un futuro para Fillos no que convocamos a outras entidades a se faceren cargo dos nosos servizos.

O traballo voluntario en Fillos deixa de ser compensado en galeuros

Marzo 15, 2010 in Fillos de Galicia por CoordFillos

Dentro das medidas adoptadas polos socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia o pasado día 22 de Febreiro, dentro da posta en marcha da convocatoria Un futuro para Fillos, está a seguinte:

Que se fagan contas coas horas que os voluntarios teñan pendentes de compensar en galeuros e que se lles ingresen os galeuros correspondentes, dentro das normas vixentes da moeda, antes do 1 de Marzo. A partir desa data suspéndese a compensación en galeuros das horas de traballo voluntario.

Lamentamos informar desta medida con case 3 semanas de retraso, pero a situación na nosa asociación é complicada nestes momentos de cambios. Pregamos a todos os nosos voluntarios que se poñan en contacto co Coordinador o antes posible para proceder a saldar as horas adicadas en galeuros, que deberán ter rexistradas axeitadamente na aplicación de groupware.

Con esta medida remata por desgraza (se cadra temporalmente) un periodo no que todo o traballo voluntario en Fillos era compensado con este moeda complementaria.

Fillos de Galicia busca un relevo na xestión dos seus proxectos na Rede (Tempos Dixital)

Marzo 2, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

A versión online da prestixiosa revista Tempos Novos, ofrece hoxe unha noticia sobre o noso proceso Un futuro para Fillos.

Tras un ano de interinidade na súa dirección, a asociación cultural Fillos de Galicia decidiu traspasar os seus proxectos en Internet a outras entidades ou particulares capaces de xestionalos e melloralos.

O máis coñecido deles, o portal Fillos.org, xunta nunha “rede social” a máis de 6.800 galegos e descendentes. Este portal naceu en 1997 pola iniciativa de Manuel Casal Lodeiro, informático fillo de galegos emigrados a Biscaia. Posteriormente creárase a asociación “Fillos de Galicia” para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa Galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”, segundo explica o seu fundador e actual secretario en funcións. Malia os repetidos intentos por parte da asociación, o número de usuarios que entraron a facer parte dese grupo “comprometido” non deu superado o 1%.

Tras a IX asemblea de socios celebrada o ano pasado, orixinouse unha falta de relevo na dirección que se veu agravanda por problemas técnicos co servidor onde aloxan os seus webs. Un ano despois asumiron como definitiva a carencia dalgún socio que asuma as tarefas directivas e de coordinación. “Eu prolonguei a miña adicación ao proxecto canto puiden, e tentei conseguir financiamento para quen continuase o tivese máis doado, pero sen unha dirección eficaz é inútil”, lamenta Casal Lodeiro, que tras varios anos advertindo
de que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación. “Cadrou que o noso
presidente tamén comunicara hai un ano que non podía continuar no seu cargo”, engade xustificando que a suma de circunstancias persoais e económicas levaron á asociación a recoñecer que “non é quen de
continuar cos proxectos e pedirmos a outros que o intenten: o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”. Por este motivo veñen de publicar en Fillos.org unha convocatoria aberta a toda a sociedade galega á procura dun relevo na xestión e dirección
dun sitio web que se convertira xa no “sétimo centro galego do mundo” en número de usuarios.

Asemade de Fillos.org, a asociación solicita propostas para dirixir Galeguidade.net (portal para as entidades galegas da emigración), eTIqueTAL.com (outra rede social para mocear en galego), Debulla.info, Nomes-Galegos.info, Planeta-Galego.info e outros webs e dominios que foron creando durante estes 13 anos de
intensa actividade na Rede.

Fillos.org: Quen quere coller o relevo? (Vieiros)

Marzo 1, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

Hoxe publiquei na sección aberta ao envío dos lectores unha nova acerca do noso proceso Un Futuro para Fillos.

Diante da escasa e confusa difusión que está a ter a nosa convocatoria e a nota de prensa, imos ver de explicar doutra maneira que é o que pasa en Fillos de Galicia e como pretendemos amañalo.

CulturaGalega.org dixo que liquidabamos os nosos proxectos

Xornal primeiro que buscabamos un padriño e agora que se un xestor

Pois non, non é ningunha das 3. Se cadra, despois de 13 anos nisto xa nin sei facer unha nota de prensa que se entenda.

Vouno explicar de xeito esquemático, a ver se teño máis sorte que có comunicado orixinal:
- O que buscamos é quen continúe cos proxectos: nós xa non podemos.
- Por que non podemos? En 1º lugar porque xa non temos unha persoa que poida dirixilos. En 2º polas dificuldade económicas para pagarmos traballadores.
- Quen pode facerse coas rendas de Fillos? Calquera que presente un proxecto que convenza aos socios de que vai continuar co espíritu do proxecto e que ten a capacidade de facelo.
- Como hai que presentar as propostas? Mediante unha pequena memoria que sega un esquema explicado nun PDF que temos no noso portal.
- E logo o resto dos webs de Fillos? Outro tanto: agás algunha excepción, cedémolos todos.
- Pero é unha venda ou dámolos de balde? Iso queda na man de cada persoa ou entidade que nos faga unha proposta.
- Vai desaparecer a Asociación que ata o de agora levou Fillos.org? Iso decidirémolo despois de vermos as propostas e se aceptamos algunha(s) delas.
- Ata cando hai de tempo para presentar as ofertas? Non moito: ata o 14 de Marzo de 2010. Os motivos persoais que fan que os que coordinamos actualmente Fillos non poidamos continuar levan prolongándose xa demasiado tempo e fan precisa unha solución urxente para o futuro de Fillos.
- Que interese pode ter facerse cargo de Fillos? Cada quen deberá avalialo. Simplemente o valor económico do que imos ceder podería ser unha boa razón, se non abondan as razóns culturais altruístas.
- A quen hai que comunicar as ofertas? Ao secretario en funcións da nosa asociación. O contacto tédelo na sección Contactar de Fillos.org

Fillos.org busca ¿padriño/xestor? para sobrevivir (Xornal de Galicia)

Febreiro 28, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

Apareceu a nova na edición impresa e tamén na online.

Enviamos unha queixa polo primeiro titular que puxeron: Fillos.org busca padriño para sobrevivir (foi co que saiu na edición impresa, coidamos) e trocárono por Fillos.org busca xestor para sobrevivir que tampouco encaixa no que buscamos: semella unha oferta de emprego! :-( A primeira non era axeitada porque lembraba a campaña que fixemos hai anos para atoparmos sponsors.

A maior comunidade virtual de galegos emigrados sae a concurso co resto de sitios de Fillos de Galicia, que non pode seguir xestionándoos.

Con trece anos de vida e case 6.800 usuarios ás costas, a meirande comunidade virtual de galegos emigrados busca padriño. Fillos.org, o portal con máis peso dos que xestiona a asociación cultural Fillos de Galicia, con 27 socios, é a oferta máis apetecible no concurso que acaba de abrir a entidade para atopar algunha forma de colaboración que manteña activos estes dominios.

“Por cuestións persoais, cadrou que tanto o presidente da etapa anterior como eu mesmo, non podemos seguir dedicándolle tempo a estes labores de coordinación”, explica Manuel Casal Lodeiro, secretario en funcións da asociación. Con ánimo, asegura que “esto é algo que lles pasa a moitas asociacións cando acadan unha estrutura que é demasiado complexa, lles consome demasiados recursos e non a dan soportado internamente e, ao final, o que fan é unha especie de partilla”.

En www.fillos.org están dispoñibles as condicións para presentar a correspondente proposta para mercar directamente algún dos dominios da asociación, adquirir os dereitos de explotación sen mercalo, entrar en co propiedade con Fillos de Galicia ou só asumir unha subcontratación da xestión do sitio. En calquera caso, Casal subliña que é imprescindible garantir a “continuidade” do proxecto: “A opción de disolvernos e liquidar todo barallouse, pero non quixemos”. “Hai proxectos que poden ser máis interesantes para unha institución, fundación ou empresa, pero outros non –expica–; pero se cadra cos recursos que obteñamos podemos seguir mantendo algún dos portais”.

Os cartos en sí non son o problema, senón a falta dun equipo disposto a coordinar o traballo. Pero é certo que o diñeiro supón unha carga engadida, sobre todo desde que perderon o apoio da Xunta. “A finais de 2009 rematou o convenio que tiñamos coa Secretaría Xeral de Inmigración, que nos aseguraba unha pequena financiación de 15.000 euros ao longo do ano –conta Casal–; este convenio deixárao asinado o anterior goberno, pero agora fomos falar co novo equipo do PP e en principio dixéronnos que non había problema en renovalo pero non sabemos nada desde mediados de xaneiro”.

De feito, a propia Xunta sería unha boa candidata para xestionar tanto Fillos.org como Atopadoiro.org, unha base de datos de xente que se busca, porque tanto esta como a TVG teñen arquivos similares e sería unha boa cousa unificalas “baixo unha supervisión política. “De feito, durante moito tempo, a xente dicíanos que estabamos facendo o traballo da Xunta”, conta Manuel. “Moitos concellos que tiñan procuras familiares derivaban a xente cara a nós. Eso está ben, pero xa podían contribuir un pouco!”

Ata o 14 de marzo, aquelas institucións, empresas ou particulares que queiran asumir a xestión dalgún dos máis de dez dominios que ten Fillos de Galicia poden enviar as súas propostas a secretaria@fillos.org. “Non ten que ser un plan moi detallado, pero si unhas liñas básicas do que queren facer co sitio”, explica Casal. A principios de abril, a asociación comunicará o novo xestor dos seus dominios, se hai sorte.

O contido do artigo está bastante ben, pero o título é pouco afortunado e non dan acertado a interpretar que é o que buscamos :-( Estamos tendo bastante mala sorte coa escasa e confusa trasmisión que están a facer os medios galegos da nosa convocatoria. Iso non axuda para nada ao seu éxito.

Fillos de Galicia ofrece a xestión e dirección dos seus proxectos na Rede (Código Cero)

Febreiro 25, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

Raquel Noya publica hoxe un artigo en Código Cero, acerca da nosa situación:

A asociación responsable da principal rede social da emigración galega en Internet, Fillos de Galicia, unha comunidade virtual que ten como obxectivo manter e divulgar a galeguidade entre os descendentes da diáspora galega, vén de anunciar que ten intención de traspasar os seus proxectos na Rede a outras entidades ou particulares que poidan xestionalos e melloralos, entre eles o máis coñecido, Fillos.org.

A decisión foi tomada logo dun ano de interinidade na dirección desta asociación cultural, e logo de comprobar que malia os repetidos intentos de promocionar o proxecto Fillos.org, o portal máis coñecido da entidade, o número de usuarios que entraron para formar parte do grupo, non superou o 1 por cento.

Fillos.org, unha rede social con máis de 6.800 galegos e descendentes adscritos, foi creada en 1997 por Manuel Casal Lodeiro, un informático fillo de galegos emigrados a Biscaia, que posteriormente dou lugar á creación da asociación Fillos de Galicia para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”.

Agora, tras 13 anos de actividade na Rede, os responsables deste proxecto reclámanlle a algunha persoa ou entidade privada que se faga cargo da mesma xa que, segundo palabras do seu creador, “sen unha dirección eficaz é inútil”.
Casal Lodeiro afirma que prolongou a súa adicación ao proxecto “canto puiden” pero logo de varios anos advertindo que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación, algo que tamén anunciou o seu presidente un ano atrás.

A suma de “circunstancias persoais e económicas” levan agora á asociación a recoñecer que “non é quen de continuar cos proxectos”, e pídenlle a terceiras persoas que o intenten xa que “o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”.
É por isto que a asociación vén de publicar unha convocatoria aberta a toda a cidadanía, á procura dun relevo na xestión e dirección dos seus sitios web, tanto de Fillos.org, como de Galeguidade.net, eTIqueTAL.com, Debulla.info, Nome-Galegos.info e Planeta-Galego.info entre outros dominios.
Mais iso si, os responsables da iniciativa lembranlle ás persoas interesadas en dirixir o proxecto que Fillos.org “é xa o sétimo centro galego do mundo en número de usuarios”, máis non así en solvencia económica, claro está.

A nota reflicte bastante ben a situación e a nota que emitimos, mais o comentario final acerca da solvencia dá a entender que a xornalista non captou cal é realmente o problema: non estamos nesta situación por falta de cartos senón por falta de dirección.

Fillos de Galicia en Código Cero

Fillos.org liquida os seus proxectos na rede (CulturaGalega.org)

Febreiro 25, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

Hoxe apareceu esta reseña no portal da cultura galega acerca da convocatoria Un futuro para fillos. Queremos matizar o seu titular, que nos parece que non informa correctamente sobre o proceso.

Segundo o dicionario da Academida Galega, liquidar é:

liquidar v.t.

  1. Pagar completamente [unha conta, débeda, etc.]. Ata que liquide as débedas non me dan outro crédito. SIN. saldar.
  2. Vender [mercancía] rebaixando considerablemente o prezo. O bazar liquidaba todo por reformas. SIN. saldar.
  3. fig. e fam. Facer que [algo] deixe de existir e, por extensión, dar morte. A este paso van liquida-la flota pesqueira. SIN. destruír.Liquidounos a tiros. SIN. matar.
  4. Consumir [unha cousa] totalmente, en pouco tempo. Liquidaron de contado o que quedaba da torta.
  5. Dar fin a [un asunto, preito, etc.]. Liquídase así un contencioso que duraba xa dous lustros. // v.i. 6. Econ. Axustar formalmente as contas dun negocio. Para liquidar contrata un contable.

Coido que ningún deses significados se aplica ao proceso actual que encetou a nosa asociación: trátase de recibirmos propostas de continuidade. Unhas poderán ser económicas e outras non; unhas poderán implicar o traspado da propiedade e outras non; e desde logo o que pretendemos é que ningunha desas opcións signifique a morte e desaparición dos proxectos e servizos, todo o contrario.

Así que agradecemos a CulturaGalega.org a difusión pero pregamos que corrixan a nova.

Un futuro para Fillos, en CulturaGalega.org

This website uses a Hackadelic PlugIn, Hackadelic SEO Table Of Contents 1.7.2.