Fillos de Galicia

Blogue

Estas vendo o arquivo de 2010 Xullo.

Remata unha nova asemblea de Fillos e comeza unha nova etapa: Fillos 5.0

Xullo 29, 2010

Onte rematou unha nova asemblea extraordinaria de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia na que se tratou como tema principal o resultado do chamamento feito para desmantelar os nosos proxectos.

Malia non termos recibido propostas dentro desa convocatoria, os socios votaron a prol de continuar coa actividade da asociación e aprobouse un plan que dará comezo a unha nova etapa, que comezamos a artellar desde hoxe mesmo e que poderiamos denominar Fillos 5.0.

Proximamente daremos máis detalles sobre como se fixo posible esta nova etapa e grazas a quen, e como serán os seus pasos e as mudanzas que vai experimentar Fillos de Galicia. Polo de agora o importante é que Fillos de Galicia vai continuar, con importantes trasformacións, e noutro formato, pero ha sobrevivir esta ponte virtual entre Galiza e mais a súa Diáspora e o meirande centro galego da Internet, que xa está a piques de chegar aos 7.000 usuarios.

Prorrogamos indefinidamente a oferta de nomes de dominio

Xullo 10, 2010

A nosa Xunta Directiva decidiu deixar aberta a convocatoria para a venda dos nosos nomes de dominio non utilizamos, alén do prazo que remata hoxe para o Desmantelamento dos nosos proxectos.

O motivo foi que non demos publicado con tempo de abondo a listaxe completa, e que non se indicara na páxina onde aparece a devandita lista, que os prezos xa non tiñan un mínimo. De feito os interesados poden enviar calquera oferta, mesmo por 0 euros, para se faceren cargo dos dominios.

Agora que temos a lista de dominios completa, convidamos a todos os posibles interesados a enviarnos as súas ofertas a secretaria EN fillos PUNTO org, indicando cánto ofrecen e por que dominios en concreto. Agradecemos de antemán as ofertas que nos axuden economicamente nesta situación crítica que vive a nosa asociación.