Fillos de Galicia

Blogue

A asociación cultural Fillos de Galicia desmantela os seus proxectos (Xornal de Galicia)

Xuño 22, 2010 in Fillos de Galicia, Fillos nos medios por CoordFillos

Outro medio de comunicación galego que se fixo eco do noso desmantelamento foi Xornal de Galicia:

A asociación cultural Fillos de Galicia desmantela os seus proxectos

Catro meses despois de lanzaren unha convocatoria chamada “Un futuro para Fillos” motivada pola súa incapacidade para xestionar o veterán portal e mais o resto de proxectos en Internet que fora creando na última década esta asociación cultural, acaban de publicar un comunicado anunciando o seu “desmantelamento”.

Nas vindeiras tres semanas pretenden recibir ofertas de adquisición por a maior parte dos seus proxectos. “Dividimos os nosos servizos en aqueles que poderían ser mantidos sen requerer mantemento técnico e sen termos que pagar un servidor, e o resto venderémolo para pagarmos débedas e continuar co que non se dea vendido”, explicou o seu secretario e fundador Manuel Casal Lodeiro.

Nunha asemblea extraordinaria de socios que rematou este pasado domingo día 20, as 33 persoas que fan actualmente parte desta asociación, aprobaron a medida e nomearon unha directiva que exercerá o seu mandato durante menos de un mes co fin exclusivo de dirixir o proceso. Casal aclarou que tanto el como outros membros desta directiva temporal presentaron as súas candidaturas, “case obrigados” pola ausencia de socios dispostos a facerse cargo. “A falta de compromiso é un dos problemas que nos ten levado a esta situación”, xustificou, “ademais do cesamento do convenio que tiñamos coa Secretaría Xeral de Emigración que nos deixou sen cartos para pagar a xestión técnica e o servidor”.

Durante os últimos anos a asociación tiña uns gastos aproximados anuais de 45.000 euros, un terzo dos cales era financiado mediante o convenio que asinaran co anterior responsable de Emigración, Manuel Luís Rodríguez.

En función do resultado desta convocatoria, unha nova asemblea decidirá en Xullo se a asociación conta cos recursos suficientes para continuar con proxectos máis modestos e se hai novos candidatos dispostos a liderar esa nova etapa menos complexa e menos custosa. A comunidade virtual Fillos.org constitúe ata o de agora o seu principal servizo na Internet e xunta nunha rede social online a case sete mil galegos e descendentes. Agora esa rede social está en venda, e eses milleiros de galegos á espera de alguén que queira continuar co servizo de ponte virtual entre Galicia e a súa Diáspora.

A asociación cultural Fillos de Galicia desmantela os seus proxectos (Xornal, 22 de xuño de 2010)

Deixar unha Resposta

You must be logged in to post a comment.