Fillos de Galicia

Blogue

Estas vendo o arquivo de 2010 Xaneiro.

Os membros de Fillos medraron un 7,7% no 2009

Xaneiro 27, 2010

Vimos de contrastar as cifras actuais de membros coas de hai un ano e podemos observar que o medre foi do 7,68%. Grazas a eses novos case 500 membros que se uniron á nosa rede social pangalega durante os últimos 12 meses!

Fillos pon en marcha un curso online de iniciación ao galego

Xaneiro 21, 2010

Atendendo ás demandas longamente prantexadas polos nosos usuarios, e grazas ao traballo voluntario de Crisanto, que se encargará de titorizalo, dará comezo en Febreiro un curso online para falantes de castelán que os introducirá na aprendizaxe da lingua galega.

A idea de dar un curso de galego estivo presente en Fillos de Galicia desde os seus comezos. Mesmo houbo algún intento de facelo mediante as subvencións que para este fin ofrecía a Xunta de Galicia. Lamentablemente negóusenos esa posibilidade alegando que esas axudas non eran para cursos online, aínda que nós tiñamos centos de persoas interesadas presinscritas e os cursos presenciais que se subvencionaban moitas veces apenas tiñan alumnos. Tampouco nos daban outras liñas de axuda para cursos especificamente telemáticos.

Hoxe, grazas a un anovado interese por parte dos memebros da nosa comunidade virtual máis activos e interesados na nosa cultura e ao traballo voluntario dun socio tan comprometido como Crisanto, e sen contar con ningunha axuda, imos poñer en marcha por fin o noso primeiro curso.

Esta é a presentación que nos fai Crisanto e os datos para os interesados en se apuntaren:

A idea xurdiu por mor de que algúns de membros da Comunidade Virtual Fillos de Galicia, que facían as súas intervencións en castelán, dicían non entender o galego e outros facíano nun galego pouco ortodoxo; había tamén quen aínda coñecéndoo non eran quen de botarse a escribilo. Aí que comecei a darlle voltas ó tema para ver onde podía sacar tempo e recursos para dar un curso de galego. Consulteino co noso Coordinador e ofrecinme a dar un curso de iniciación.

O 24 de marzo de 2009 creouse o grupo Aprendendo galego ó que se apuntaron ata o de agora 66 persoas. Despois de prepararme por un tempo o día 9 de Xaneiro abriuse o prazo de subscrición para face-lo o antedito curso. Foi un éxito pois ata o de agora están apuntados 40 persoas. Dado que o curso vai dirixido maiormente a emigración e ó estaren no Cono Sur de vacacións, marcouse o 1 de febreiro para comezar a súa andaina.

O curso estará baseado na Normativa do ILG, empregando dita normativa e outros recursos aloxados na Biblioteca de Fillos.

A inscrición farase a través dese grupo ou escribindo a aprendendogalego ARROBA fillos PUNTO org e o seu peche será o último día de Xaneiro. Só se atenderán aquelas remitidas ata as 12 da noite hora local do emisor.

Aclaración sobre as cifras de visitas a Fillos.org no 2009

Xaneiro 13, 2010

Pescudando acerca da estraña caída de visitas tras a migración a Fillos 4.0 en setembro do pasado ano, vimos de descubrir un erro no proceso de migración que fixo que non se rexistraran as visitas a unha sección moi importante do noso portal: o Taboleiro.

Polo tanto as cifras publicadas onte acerca do 2009 non son fiables.

Segundo Dinahosting as visitas nese periodo foron moi diferentes:

  • Visitantes: 163.791
  • Visitas: 339.499
  • Páxinas vistas: 17.994.195

Porén, estas cifras tampouco as podemos dar por boas. A desastrosa actualización que nos fixo Dinahosting a finais de Maio de 2009 e todas as medidas de seguridade e modificacións da configuración postas en práctica tanto por eles coma por nós desde entón, fan que haxa unha discontinuidade moi notable a mediados do ano. A caída de visitas, páxinas vistas e tráfico non se xustifica.

Visitas a Fillos.org segundo Dinastats

Se tomamos por boas as cifras do primeiro periodo e as extrapolamos ao resto do ano (media x 12), teríamos aproximadamente:

  • Visitantes: 195.000
  • Visitas: 470.000
  • Páxinas vistas: 40.000.000

En troques, se damos por boas as do segundo periodo (Xuño-Decembro) teríamos facendo a mesma extrapolación sinxela:

  • Visitantes: 140.000
  • Visitas: 245.000
  • Páxinas vistas: 2.700.000

En ambos os dous casos, cifras moi superiores ás indicadas por Google.

Lamentablemente todas estas incidencias fan que non teñamos datos suficientemente válidos para analizar o resultado deste ano en canto a visitas. En calquera caso, comparándoas coas últimas que tiñamos publicado obtidas co mesmo sistema (Dinastats) parece claro que, en calquera caso, hai unha notable perda de visitas.

Estatísticas de visitas a Fillos.org en 2008 e 2009

Xaneiro 11, 2010

Segundo os datos de Google Analytics (actualización 12/01/2010: Vimos de detectar que estas cifras non son válidas) estas foron as cifras xerais de visitas ao noso portal entre o 1 de Xaneiro e o 31 de decembro de 2009:

  • Visitas: 89.680
  • Visitantes aprox.: 58.800
  • Páxinas vistas: 426.626

O ano anterior (2008) as cifras foron estas segundo a mesma fonte:

  • Visitas: 148.839
  • Visitantes aprox.: 100.935
  • Páxinas vistas: 690.717

A evolución en termos relativos foi a seguinte, xa que logo:

  • Visitas: -40%
  • Visitantes aprox.: -42%
  • Páxinas vistas: -48%

Porén, o número de membros (usuarios rexistrados) continuo a medrar, o que sumado ao anterior significa unha gran caída no número de visitas/membro.

Lembramos que estas cifras non son comparables coas de periodos anteriores, referidas ás que nos ofrece o noso fornecedor de hosting, por utilizaren sistemas diferentes.

Porén, como levamos recollendo información estatística sobre as visitas co sistema de Google desde Xuño de 2007, podemos extraer esta preocupantes conclusión: a caída nas visitas é constante desde Maio de 2008 (cadra cuns problemas que tivemos por unhas visitas abusivas do indexador de Google como xa informamos daquela), e pasou dunha certa meseta durante o 2007 en torno ás 15.000 visitas/mes (14.089 visitas en Xullo de 2007, 18.951 en Outubro de 2007, 16.455 en Maio de 2008) a caer de maneira constante ata as 3.789 visitas no mes de Decembro de 2009 (unha caída de case o 75% con respecto á meseta de 15.000 visitas durante a segunda metade do 2007).

Coidamos moi posible que as modificacións que realizamos a nivel de servidor para evitar unhas visitas abusivas por parte de Google así como os diversos problemas técnicos que vimos sufrindo desde 2008, agravados desde Maio de 2009, tiveron efecto nestas cifras á baixa. Pero tamén debemos recoñecer que o noso portal perdeu as altas cifras de visitas que nos caracterizaban, e que esa tendencia non foi modificada tras o enorme esforzo humano e económico que supuxo a evolución a Fillos 4.0.

É algo sobre o que cómpre reflexionarmos moi seriamente.

Damos de baixa varias contas de e-mail en DeGalicia.org

Xaneiro 11, 2010

Tal e como advertíramos hai unhas semanas, fixemos hoxe a baixa de varias contas de correo (concretamente 14) no servidor DeGalicia.org que pertencían a ex-socios, ex-colaboradores e clientes que non renovaron o servizo.

Trocos no rexistro de membros

Xaneiro 8, 2010

Esta semana, e debido aos abusos que algúns membros recén rexistrados estaban a facer do noso sistema de mensaxes para embaucar a outros usuarios con intencións deshonestas, tomamos a decisión de moderar o rexistro de usuarios: isto quere dicir que desque enchades o formulario de rexistro en Fillos ata que poidades facer uso da comunidade virtual pasará un tempo, que non debería ser habitualmente maior de 3 días, no que o noso Xestor Técnico realizará a autorización e dará entrada definitiva ao novo usuario ou usuaria.

Lamentamos os inconvintes pero é unha medida que polo menos temporalmente teremos en vigor ata que elaboremos outras contramedidas que eviten o abuso por parte deste tipo de impresentables.